viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Bueu dá comezo ás obras para mellorar o cemiterio

O arquitecto técnico municipal e o alcalde de Bueu na zona de obras. DP
O arquitecto técnico municipal e o alcalde de Bueu na zona de obras. DP
O proxecto dispón dun orzamento de adxudicación de 84.144,72 euros

Arrancan as obras de ampliación e mellora do cemiterio bueuense, que darán lugar a un aumento do espazo dispoñible no camposanto, así como ao adecentamento dalgunhas zonas e elementos das instalacións, deteriorados por motivo de desgaste e o paso do tempo. A actuación, con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento de adxudicación de 84.144,72 euros, IVE engadido, e será levada a cabo pola empresa Construcciones Castro Figueiro.

As obras permitirán habilitar ata 108 novos nichos e 52 columbarios no cemiterio do municipio a partir dunha ampliación de dous bloques a ambos lados da entrada principal. Por outra parte, sobre os dous módulos de nichos situarase unha fila cun total de 27 cinseiros baixo a cuberta inclinada de remate de ditos módulos.

Entre os traballos a levar a cabo tamén se inclúen a pavimentación das entradas ao camposanto para mellorar a súa accesibilidade, a reparación integral do muro perimetral do terreo e a substitución do actual portal do acceso principal coa intención de reforzar a imaxe do pórtico. Ademais, con esta obra extraeranse os tocóns existentes e pavimentarase a rúa, habilitando unha beirarrúa de 80 cm para acceder aos nichos, tal e como consta no proxecto técnico.

O alcalde da localidade e concelleiro de Obras e Servizos, Félix Juncal, visitou esta semana a zona de obras acompañado do arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa. Segundo estableceu o rexedor, o principal obxectivo deste proxecto pasa por "recuperar unha zona degradada e mellorar a imaxe do camposanto", cubrindo unha das demandas trasladadas por parte da cidadanía durante os últimos anos.

Dende o Concello de Bueu quérese avisar á veciñanza de que, no tempo de duración de ditos traballos, o acceso ao cemiterio municipal dende a entrada habitual quedará restrinxida. Así mesmo, este deberá realizarse a través do tanatorio, unha medida pola que o alcalde "pide desculpas", destacando que terá que ser adoptada "por motivos de seguridade mentres dure a obra".

Bueu dá comezo ás obras para mellorar o cemiterio
Comentarios