Bueu destina 50.000 euros para promover o consumo local durante o Nadal

O Goberno local porá en marcha unha campaña, en colaboración con Fecimo, que comezará mañá e rematará o 30 de decembro
undefined
photo_camera Sinatura do convenio. DP

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ana Ave, presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), asinaron este mércores o convenio de colaboración para a a posta en marcha da campaña Bueu Consume Local, unha iniciativa que se habilitará entre o 3 e o 30 de decembro e coa que se pretende fomentar o consumo no comercio local entre a cidadanía.

No acto de sinatura tamén estivo presente Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen salientou que "o Concello achegará 50.000 euros cos que se cubrirá o 30% das bonificacións dos importes das compras realizadas nos comercios adheridos". Pola súa banda, Fecimo será a encargada de organizar e xestionar toda a campaña, tanto para os locais socios como para os non socios.

As persoas interesadas en participar deberán entrar na web bueuconsumelocal.gal e rexistrarse, un proceso despois do cal recibirán as claves de acceso para obter unha tarxeta dixital ligada ao seu DNI. Segundo se establece nas bases da campaña, cada cliente poderá acudir ao establecemento comercial adherido para realizar as súas compras, podendo descontar o 30% do importe da compra correspondente ata o límite de 75 euros.

Os clientes poderán descontar un 30% do importe da compra ata un límite de 75 euros 

Esta campaña forma parte das accións implementadas pola concellaría de promoción económica para axudar aos comercios da vila, que constitúen a base fundamental sobre a que se sustenta a economía local.

POLÉMICA. A partida económica destinada a esta campaña foi aprobada recentemente ao estar incluida nos Orzamentos Xerais Municipais do 2021, partida que non estivo exenta de polémica, xa que foi unha cuestión moi criticada por o Partido Popular. De feito, no pleno extraordinario celebrado o pasado mes de outubro para a aprobación inicial do orzamento, a portavoz popular, Elena Estévez, criticou que "parece que en Bueu non houbo pandemia, nin covid. Tan só se recolle unha partida de 50.000 euros destinada a eses famosos bonos comercios que nós xa pedíamos en novembro do pasado ano".

Estévez tamén manifestara o seu malestar por "votar en contra da nosa moción sobre os bonos argumentando que xa se estaba traballando e se iban a facer efectivos no Black Friday do pasado ano. A día de hoxe en Bueu non houbo bonos en práctica e agora, a finais do ano 2021, aparece esa partida".

Máis aló das súas criticas durante as sesións plenarias extraordinarios celebradas en outubro e o pasado martes, os populares xa preguntaran en numerosas ocasións por a creación duns bonos comercios ou dunha campaña de dinamización comercial o pasado Nadal, primeiras festas afectadas pola pandemia.

Comentarios