Bueu estrea nova área de caravanas e autocaravanas

Xa se poderá pernoctar na Chadiza, aínda que os servizos de abastecemento e saneamento non están operativos
A área de caravanas e autocaravanas da Chadiza.  DP
photo_camera A área de caravanas e autocaravanas da Chadiza. DP

O Concello de Bueu está de estrea. Esta fin de semana poñerase en marcha a nova área de caravanas e autocaravanas da Chadiza, situada na estrada de acceso a Beluso e nas inmediacións do antigo restaurante Canas e da pensión Lubina.

Esta parcela consta dunha superficie de 21.161 metros cadros e durante os meses previos estiveron levándose a cabo os traballos de escavación e preparación para que esta fin de semana poida estar xa operativa. Así, as caravanas e autocaravanas poderán xa pernoctar na zona, aínda que os servizos de saneamento e abastecemento están rematando de instalarse, e quedarán operativos a próxima semana.

Con esta alternativa, o Concello agarda resolver un dos problemas que se vén padecendo todos os veráns ante a presenza destes vehículos en zonas non acondicionadas, como o caso de Cabo Udra. Tamén nestes días se veñen de instalar uns sinais en Chan de Esqueiros e Lagos por parte de Medio Ambiente nos que se prohibe o estacionamento e a pernocta entre as 23.00 e as 9.00 horas, franxa horaria durante a que a Policía Local fará un seguimento.

Comentarios