Bueu fai entrega dos seus Premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo

As gañadoras foron Marta Veiga e Xandra Táboas
Xandra Táboas e Marta Veiga na entrega de premios. DP
photo_camera Xandra Táboas e Marta Veiga na entrega de premios. DP

A localidade buenense celebra os seus Premios Johán Carballeira coa tradicional entrega de premios aos galardoados desta edición, Marta Veiga na categoría de Xornalismo, e Xandra Táboas e Adrián Mosquera pola súa poesía. O evento celebrouse onte no Centro Social do Mar, no marco das Xornadas polas Letras Galegas

O presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, deu comezo ao acto poñendo en valor o compromiso do Concello con estes premios que "reivindican a figura de Carballeira e dignifican a todas as persoas represariadas polo franquismo, ao tempo que seguen puxando pola lingua galega". 

Marta Veiga, que obteu o galardón en Xornalismo pola súa reportaxe Cantigas para despois dunha pandemia (publicada na revista Luzes) quixo pola súa parte destacar a importancia dos galardóns na posta en valor deste xénero xornalístico e agradeceu a todas as persoas que fixeron posible o seu traballo.

Así mesmo, aproveitou a ocasión para reivindicar o labor dos seus compañeiros de profesión salientando a "necesidade que temos de que se dignifique, pois o xornalismo é máis necesario ca nunca". 

No premio de poesía, Xandra Táboas encargouse de recoller o galardón en ausencia do seu compañeiro na obra, Adrián Mosquera, e centrou o seu discurso na reivindicación pola lingua e polo "dereito a ser dos pobos". 

"Aínda a día de hoxe, corenta anos despois do fin da ditadura, a lingua galega segue a ser un adorno, un museo, a empregarse de forma preciosista, e creo que como pobo necesitamos que nos deixen ser", sinalou Táboas.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, manifestou a súa ledicia "ao escoitar a dúas mulleres que dende as letras reivindican causas nobres e xustas, e demóstrannos que dende o local se chega ao global". 

As premiadas recibiron unha réplica artística da figura de Johán Carballeira elaborada por Cavalinho do demo para a ocasión como recordo da xornada.

O acto culminou cun concerto a Xela Arias, a homenaxeada polo Día das Letras Galegas deste ano, do grupo Xardín Desordenado, no que alternaron temas de poetas galegas actuais, coma Olga Novo, con outros adicados a María Victoria Moreno ou Luísa Castro.

Comentarios