Bueu homenaxeará a figura de Otero Baena cun certame de pintura

O evento, cuxas bases serán publicadas a comezos do ano 2023, celebrará a súa primeira edición no mes de xuño
Xosé Leal e Félix Juncal con Chus Rojo, Marta Otero e Tito Otero, neta e fillos de Otero Baena . SCT
photo_camera Xosé Leal e Félix Juncal con Chus Rojo, Marta Otero e Tito Otero, neta e fillos de Otero Baena . SCT

Fomentar a creación artística e render homenaxe a unha das figuras culturais máis recoñecidas en Bueu. Esta é a dobre intención que persegue o novo proxecto impulsado polo Goberno local, que consistirá na posta en marcha do certame de pintura Otero Baena, un concurso dirixido a artistas noveis que buscará converterse nunha cita de referencia na comarca. O salón do plenos do Consistorio acolleu este venres a presentación da iniciativa, acto no que estiveron presentes o alcalde do municipio, Félix Juncal, o concelleiro Xosé Leal e algúns membros da familia do pintor.

O evento, cuxas bases se publicarán a comezos do próximo ano, terá carácter bienal e celebrará a súa primeira edición no mes de xuño. Nel poderán participar persoas maiores de idade sen experiencia no mundo da arte, as cales deberán presentar unha obra inédita e orixinal.

Aínda que polo momento non se poden dar a coñecer os nomes que conformarán o xurado do certame, a filla de Otero Baena, Marta Otero, adianta que este "será de primeiro nivel; o mellorciño da cultura". Estará formado por representantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Fundación Laxeiro de Vigo e do Museo Massó de Bueu, ademais de algún pintor de recoñecido prestixio.

Realizarase unha exhaustiva selección entre os artistas que se presenten ao certame, e os escollidos exporán as súas obras na Sala Amalia Domínguez Búa, espazo que precisamente foi inaugurado cunha mostra do propio Otero Baena. O gañador do concurso darase a coñecer no acto de clausura do evento, que se celebrará nunha data próxima ao 27 de xuño, día do nacemento do artista bueués que inspira o nome do certame. O premio consistirá nunha dotación económica da que todavía non se coñece a cantidade.

Segundo explicou o edil Xosé Leal, esta primeira edición servirá para "sentar as bases dun certame que pretendemos que medre e consiga dar a coñecer entre as xeracións novas a figura de Otero Baena". Pola súa parte, o rexedor do municipio mostrouse «emocionado» por dar vida a este ambicioso proxecto, o cal que considera "un gran acerto" e espera que "acabe formando parte do patrimonio cultural de Bueu".

O legado familiar de Otero Baena

José Benito Otero Baena, tamén coñecido como Pepé, foi considerado un dos mellores espatulistas do arte galego, aínda que en Bueu era recoñecido polo seu breve paso pola política como o último alcalde do franquismo.

O seu falecemento no ano 2017 fixo que a traxectoria artística de Otero Baena cobrara peso na súa localidade natal, e nada máis lonxe de desaparecer, o seu legado continúa moi vivo grazas, en parte, á actividade, tamén ligada ao mundo da arte, dalgúns membros da súa familia.

A súa neta, Chus Rojo, foi a encargada de deseñar o cartaz de presentación do certame de pintura que honrará a figura de Otero Baena en Bueu. Segundo explicou ela mesma no acto de presentación do concurso, para a súa elaboración "intentei que, a primeira vista, se advertiran os elementos que definían a obra do meu avó, como os propios da natureza e da temática mariñeira. Esta imaxe, unha representación da vila bueuesa, tamén fai gala das cores que él mesmo utilizaba nas súas pinturas".

Comentarios