Bueu pon en valor os recordos dos veciños co ciclo 'O tempo ten memoria'

A iniciativa inaugurouse este mércores e contará con mesas redondas, charlas e a proxección dunha curta
Presentación do ciclo de conferencias no Centro Social do Mar. DP
photo_camera Presentación do ciclo de conferencias no Centro Social do Mar. DP

O Centro Social do Mar de Bueu acolle desde este mércores o ciclo de conferencias O tempo ten memoria, que impulsa o colectivo O mar por diante e que se celebrarán ata o día 24 de agosto co obxectivo de poñer en valor as lembranzas e os recordos desta vila mariñeira e os seus veciños. Todas as actividades comezarán ás 20.30 horas na sede do Centro Social do Mar.

O ciclo inaugurouse co recital de Hugo Rodríguez (clarinete) e Anna Senn (piano), que ofreceron un concerto que tivo como protagonista a música do exilio. Foi no ensaio do pasado martes destes dous artistas cando o concelleiro de Cultura do municipio, Xosé Leal, achegouse ao Centro Social do Mar para presentar estas xornadas nun acto que tamén contou coa presenza dalgúns integrantes do colectivo organizador como Loli Docampo, Arturo Sánchez, Xaime Toxo e Francisco R. Pastoriza.

Para poñerlle fin a este ciclo de conferencias, o día 24 de agosto proxectarase a curta O estrobo no tolete

A seguinte actividade programada, tras este concerto a modo de inauguración, será o día 3 de agosto (mércores) coa mesa redonda Texto e Territorio II, que moderará Salvador Castro e contará coa participación de diversos escritores e escritoras da vila como Antía Novas, Suso Portela, Álvaro Otero e Salvador Rodríguez. Todos eles reflexionarán sobre a creación literaria e de que forma Bueu está presente na súa escrita.

As próximas citas deste ciclo serán o día 10 de agosto coa colaboración do historiador local Arturo Sánchez Cidrás, nunha charla titulada Xentes de Bueu na que dará a coñecer diferentes persoeiros deste municipio, e o 17 deste mesmo mes desenvolverase a mesa redonda Novelar a guerra, na que intervirán Montse Fajardo, Xina Vega e Francisco R. Pastoriza, para falar sobre a forma en que a temática da guerra se desenvolve nas súas respectivas obras literarias.

Para poñerlle fin a este ciclo de conferencias, o día 24 de agosto proxectarase a curta O estrobo no tolete, unha proposta audiovisual abstracta e creativa realizada por Manuel Yáñez e baixo a dirección de Xaime Toxo, que ten como obxectivo intentar, a través de imaxes e textos, vincular a permanencia da memoria e a arqueoloxía emocional deste territorio.

Comentarios