Bueu prepara os fogóns para unha nova edición da Festa do Polbo

Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG, será o encargado de ler o pregón o 13 de agosto ás 12.00 horas na xornada inaugural
Un momento da presentación, este martes, no Estaleiro de Purro. APP
photo_camera Un momento da presentación, este martes, no Estaleiro de Purro. APP

O producto por excelencia da localidade bueuesa, o polbo, volverá a converterse no principal protagonista do verán do 13 ao 15 de agosto grazas á celebración da XXI Festa do Polbo, que regresa tras dous anos de parón pola pandemia. A festa gastronómica por excelencia da comarca do Morrazo, xa que cada ano acolle a centos de persoas, celebrase no aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns Urbano Lugrís, recuperando así a súa antiga localización e onde se poderá degustar máis dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo.

Como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, na que "colaboran moitísimos colectivos da vila", tal e como declarou a edil de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, durante a presentación celebrada onte no Estaleiro de Purro. Neste acto tamén participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores, e representantes dos locais hostaleiros Frigoríficos Rosa de los Vientos e O Rincón de Cela, así como de colectivos que participan na festa a través de diversas iniciativas

Silvia Carballo salientou a unión de forzas cos colectivos da vila, "cos que sumamos esforzos". Nesta idea tamén incidiu o alcalde, Félix Juncal, quen lembrou que "este proxecto naceu co obxectivo de reivindicar un produto tan noso como o polbo, e esta festa une actividade social, festiva, gastronómica e cultural, dando lugar á receita máis saborosa posible". 

Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o sábado, domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas, e nese horario as persoas que o desexen poderán degustar as especialidades preparadas. Previamente, o venres está programada a ruta gastronómica Bueu e o polbo na que se explicará todo o proceso dende que se captura ata que se cociña o polbo, ao tempo que se visitan os espazos relacionados co producto. É necesaria inscrición previa e terá un custo de seis euros. 

A inauguración oficial da festa será o sábado 13 de agosto, coa lectura do pregón a cargo de Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG que actualmente está á fronte do programa da TVG Quen anda aí?. Previamente, ás 11 horas está programada a descuberta do polbo artístico feito e doado polo curso de talla de Bon e que se instalará na fachada da Praza de Abastos. 

O domingo, o Club de Atletismo Corredoiras coordinará unha serie de xogos populares ás 11.30 horas. Ás 12 horas, haberá un pasarrúas e un espectáculo cun Polbo Xigante, concretamente de 15 metros de longo e elaborado con globos biodegradables. O luns, ás 12 horas, actuará a Charanga Noroeste, e xa pola tarde, a partir das 20.30 horas, desenvolveranse actividades infantís

Tamén os tres días, as persoas que o desexen poderán degustar lambetadas elaboradas con millo corvo grazas á Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, e poderase ver unha alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores na rúa Johan Carballeira.

Especialidades a 8 e 12 euros

As máis de 20 variedades de polbo que se ofertarán terán un custe de 8 e de 12 euros. Rosa de los Vientos disporá, por 8.00 €, de empanada de polbo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 12 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaen, polbo á galega e polbo á feira. 

O Rincón de Cela presentará empanada, croquetas de polbo, salpicón de polbo e salteado de setas con polbo, todas a 8.00 €; mentres que por 12 € haberá polbo á feira, polbo á prancha, en caldeirada, pizza de polbo, ensalada de polbo e tortilla de polbo. Casa Acuña ofrecerá, por 8.00 €, empanada de polbo, croquetas de polbo, tosta de polbo con queixo tetilla, arroz de polbo e pizza de polbo; e por 12 €, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo encebolado e salpicón.

Comentarios