Bueu queimará ao seu Paxaro do Mal Agoiro para despedir o Entroido 2022

O Concello de Bueu rematará esta fin de semana o Entroido con máis actuacións de comparsas, festas infantís e a queima do tradicional Paxaro de Mal Agoiro, aínda que todo iso en formato máis reducido e adaptado á situación do covid-19
Nenos e nenas elaborando o paxaro deste ano.
photo_camera Nenos e nenas elaborando o paxaro deste ano.

Este sábado ás 12.30 horas actuarán na carpa da Praza Massó as comparsas Os do Pinsel, As Faltriqueiras, Vou nun bou e Tinta Femia, e, pola tarde, ás 18.00 horas, no Parque Joe Novas de Beluso. Ademais das persoas adultas, a rapazada está sendo moi protagonista da programación desta edición e, por iso, ás 17.00 horas se celebrará unha festa infantil na Praza Massó con aforo limitado. A cativada e as familias poderán participar na festa de disfraces na que, por primeira vez, se contará con persoal especializado en necesidades especiais; e con concurso para as categorías de bebés, infantil, xuvenil e familias.

E xa o domingo, os actos comezarán pola mañá cunha nova actuación das comparsas na Praza Massó. Pola tarde, coincidindo co remate do Entroido, está programada unha festa infantil ás 17 horas na que volverá haber persoal especializado en necesidades especiais.

De cara á queima do Paxaro de Mal Agoiro, ás 18.00 horas unha charanga amenizará as rúas do casco urbano para, a continuación, dirixirse á praia da Banda do Río, onde terá lugar a queima arredor das 19.15 horas. O paxaro nesta edición foi elaborado polos nenos e nenas participantes nos obradoiros co artista local Tino Resille que se desenvolveron a comezos desta semana.

A queima do Paxaro de Mal Agoiro terá lugar mañá arredor das 19.15 horas na praia da Banda do Río
 

O programa deste ano, que comezou o pasado 26 de febreiro, incluíu actividades máis reducidas cun especial fincapé na tradición. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e organizadora das actividades, destaca a colaboración do tecido asociativo da vila que permitiu levar adiante "este Entroido adaptado á covid, pero coa mesma ilusión e a tradición de sempre".

MARÍN. Por outra parte, o Entroido marinense tamén se despedirá mañá na Alameda Rosalía de Castro coa tradicional celebración da festa gastronómica do Bolo de Pote. Este evento, dende o seu inicio, coincide co peche da programación entroideira, ofrencedo a todos os veciños un bo manxar. A organización, Pousos da Area, estima que se repartirán preto de 1.000 racións deste prato, que se comezará a preparar este sábado.
 

Comentarios