Bueu recoñece os 40 anos de traballo de Carmen Outeda

A farmacéutica Carmen Outeda con membros do Club Golfiños
photo_camera A farmacéutica Carmen Outeda con membros do Club Golfiños

O Centro Social do Mar de Bueu acolleu o venres a gala Homenaxe Bueuesa Senlleira, organizada pola Asociaicón Club Golfiños. A sexta edición deste evento, enmarcado dentro da programación do 8-M, rendiu homenaxe ás mulleres farmacéuticas, poñendo o foco na figura de Carmen Outeda pola súa recoñecida traxectoria de máis de catro décadas ao cargo dunha farmacia na localidade.

O acto arrancou cunha presentación da historia da homenaxeada que, natural de Meis, chegou a Bueu na década dos anos 60. Tras uns anos estudando en Santiago, decidiu emprender e montar o seu propio negocio no municipio. Así, en outubro do 1982, Outeda abriu nun local da Rúa Pazos Fontenla a súa propia farmacia.

O presidente do Club Golfiños, José Manuel Dopazo, conta que "cando decidimos adicar a gala deste ano ás farmacéuticas viunos Carmen á cabeza, e ela aceptou encantada". Dopazo quixo poñer en valor a extensa traxectoria dunha muller que "polo momento non ten idea de xubilarse".

O evento continuou cunha entrevista á protagonista da man dunha integrante da asociación organizadora e, máis tarde, Outeda recibiu un ramo de flores de toxo, agasallo tradicional da gala. A cita rematou coa presentación dun novo número de 'Aña, Fanzine de (des)identidades femininas de Bueu' en honra á farmacéutica, que contará con cen unidades.

Comentarios