Bueu reivindica os dereitos das persoas trans no Día do Orgullo

O youtuber Olaxonmario foi o encargado de ler na Praza Massó o manifesto institucional
O youtuber Olaxonmario lendo en Bueu o manifesto. DP
photo_camera O youtuber Olaxonmario lendo en Bueu o manifesto. DP

As Xornadas Pola Diversidade Afectivo-Sexual, que organiza o Concello de Bueu desde fai catro anos, viviron onte o seu día coa conmemoración do Día do Orgullo LGBTIQ+. O youtuber de Boiro Olaxonmario foi o encargado de ler onte na Praza Massó a declaración institucional do Concello de Bueu desta data, no que se fixo especial relevancia a reivindicación dos dereitos das persoas trans.

Antes de comezar a ler o manifesto, o youtuber quixo lembrar o seu proceso de "saída do armario" a través de tres momentos vitais, que compartiu coas persoas asistentes a modo dun conto con moito humor e retranca. Na súa intervención fixo unha defensa a favor de todas as persoas e lembrou que "a día de hoxe, en moitos países do mundo, está penalizado ser diferente".

A declaración institucional do Concello estivo centrada este ano no apoio ao colectivo trans, un apoio que chega nun ano difícil sobre todo cando o "feminismo radical" cuestiona o dereito destas persoas a formar parte do movemento.

O texto apuntaba que "o gran problema de todo isto é que non é un debate. Os dereitos humanos das persoas trans non deberían estar abertos a consulta pública" e continuaba engadindo que "o mero feito de que a identidade dun grupo de persoas e os seus dereitos poida ser un debate social, é dicir, que se poida poñer en cuestión, é un claro sinal de quen ten o poder nesta conversación". O manifesto reivindica que "dende as institucións públicas e a sociedade en xeral non podemos ficar en silencio, temos que reivindicar que os dereitos humanos son universais e que ningunha persoa debería sentir medo a manifestarse como é".

Este lunes concluíu coa proxección do filme Call Me By Your Name de Luca Guadagnino, que se organizou no Centro Social do Mar en colaboración co Cineclub Bueu, e que conta a historia de amor entre dous homes no verán de 1983 nunha casa de campo do norte de Italia.

Por outra banda, as xornadas concluirán o venres co espectáculo A Drag Pandereteira a cargo de Meiga-i na Praza Massó.

Comentarios