Bueu rexeita o convenio de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa

A orde do día tamén incluiu a aprobación da obra de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester e, por outra banda, unha moción presentada polo PP, a posta en marcha da campaña Un Bueu máis limpo, que non foi aprobada
Un momento da sesión plenaria do pasado luns. DP
photo_camera Un momento da sesión plenaria do pasado luns. DP

A corporación municipal celebrou este luns, día 6 de xuño, unha nova sesión plenaria ordinaria. Esta centrou o debate en dúas mocións presentadas polos grupos de Goberno, BNG e ACB, en contra do convenio de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa. A pesar da abstención do PP, ambas foron aprobadas contando cos votos a favor dos partidos que as propuxeron e do PSOE.

A primeira mostrou o rexeitamento ao Convenio de cooperación entre Portos de Galicia e o Concello para o auxilio e control da práctica da pesca deportiva e de lecer nas instalacións do porto de Bueu, remitido hai unhas semanas polo ente autonómico. O alcalde da localidade, Félix Juncal, denominou "improcedente e inoportuno" dito convenio, solicitando a mediación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A outra moción instou a Portos de Galicia a asumir, "sen escusas, as súas obrigas en canto ao mantemento e conservación da totalidade dos espazos portuarios", dado que, segundo asegura o rexedor, os órganos municipais  "non temos capacidade de cumprir coas obrigas que tratan de impoñer neste convenio". Así, no caso de non recibir unha resposta positiva, dende o Concello de Bueu anúnciase que se procederá "a xirar as liquidacións correspondentes aos espazos portuarios".

Outras mocións

O pleno tamén aprobou por unanimidade o expediente de contratación da acción de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester. A obra contará cun orzamento próximo ao millón de euros, con cargo ás axudas do ReacPon e ao Plan Concellos. Segundo explicou Juncal, esta actuación permitirá "adaptar as instalacións ao tempo que vivimos", aplicando melloras de accesibilidade e de eficiencia enerxética.

Por outra banda, a moción presentada polo PP referente á posta en marcha dunha campaña de concienciación sobre os excrementos de animais na vía pública non foi aprobada. Esta iniciativa, denominada Un Bueu máis limpo, contou cos votos a favor de PP e PSOE, mentres que os grupos de Goberno votaron en contra porque, segundo explicou Xosé Leal, "esa campaña xa a levamos a cabo no 2017".

Comentarios