Bueu tinguirase de cores coas Xornadas pola diversidade afectivo-sexual

O Centro Social de Mar acollerá entre hoxe e mañá a 5ª edición deste evento, que porá en marcha un conxunto de actividades culturais co obxectivo de reivindicar a liberdade
Unha das actividades das Xornadas pola diversidade afectivo-sexual do ano pasado. DP
photo_camera Unha das actividades das Xornadas pola diversidade afectivo-sexual do ano pasado. DP

Por quinto ano consecutivo, a localidade bueuense acollerá unha nova edición das Xornadas pola diversidade afectivo-sexual, iniciativa impulsada polo concello coa que se pretende visibilizar as cuestións de identidade persoal e colaborar na defensa dos dereitos das persoas que pertencen ao colectivo LGTBIQ+. O programa desenvolverase entre este venres e sábado ofrecendo no Centro Social de Mar diferentes actividades culturais de carácter reivindicativo.

O arranque das xornadas será ás 19.00 horas coa lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional do Orgullo, que tivo lugar o pasado 28 de xuño. A continuación, a investigadora Ana Amigo Ventureira presentará o seu proxecto Bibliodiversidade, unha guía que divulga material bibliográfico sobre a diversidade afectivo-sexual co obxectivo de promover o uso destes recursos teóricos como ferramenta didáctica nos centros de ensinanza.

O IES Johan Carballeira tamén formará parte destas actividades coa presentación do traballo realizado ao longo do curso polo equipo de diversidade do centro. Este foi galardoado co premio Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia, concedido por parte da Asociación Arelas. Este recoñecemento supón a entrega dunha placa conmemorativa que acredita o instituto como un espazo seguro para o alumnado.

A primeira das xornadas rematará coa presentación do libro Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe. Esta exposición, que terá lugar ás 20.30 horas, dará a coñecer a obra, antologada e traducida por Jesús Castro Yáñez, na que se realiza un percorrido polas diversas identidades e orientacións sexuais.

As xornadas culminarán este sábado a partir das 21.00 horas coa proxección da man do Cineclub Bueu do filme Girl de Lukas Dhont. Esta peza audiovisual conta a historia dunha rapaza de quince anos que naceu sendo un neno e creceu co desexo de converterse nunha bailarina profesional. A emisión, á que se poderá acudir de forma gratuíta ata comletar aforo, terá lugar no auditorio do propio Centro Social do Mar.

Comentarios