Búscanse figurantes para recrear unha fotografía antiga na Cruz de Ermelo

As 'Freguifestas' chegarán ás parroquias de Ons, Beluso e Cela durante o mes de agosto

Fotografía antiga que se quere recrear. BENITO ESTÉVEZ
photo_camera Fotografía antiga que se quere recrear. BENITO ESTÉVEZ

A recuperación por parte do Concello de Bueu das festas populares no rural arrinca o mércores en Ermelo cun programa festivo e de homenaxe á veciñanza. O departamento de Cultura baixo o paraugas do proxecto Freguifestas busca revalorizar o traballo que veu desenvolvendo nos últimos anos a veciñanza que, organizada nas comisións de festas, levou a verbena ás parroquias da vila.

Nesta primeira cita, as persoas que recibirán o recoñecemento da aldea a través do Concello de Bueu son Manuel Portela González e Josefa González Juncal. Será est mércores, ás 20.30 horas, nun acto que terá lugar na recentemente remodelada Praza de Ermelo e que busca pór en valor ás mulleres e homes que mantiveron esta tradición no rural. Ante a súa desaparición nos últimos anos o Concello decidiu darlles vida de novo cun formato renovado.

Manuel Portela foi durante dez anos presidente da Comisión de Festas mentres que Josefa González formou parte da última comisión que exerceu na aldea, ademais de recoller a tradición da súa nai que sempre fora unha muller activa nestas celebracións con tanto arraigo en Ermelo.

O inicio dos festexos terá lugar ao remate da misa que organiza a veciñanza ás 13.00 horas e consistirá nunha ruta fotográfica guiada a partires das 13.30 horas. A fotógrafa buenense Alba Sotelo estará acompañada polo Bardo Abelardo, un xograr medieval que louvará a tradición do Ermelo na súa época de esplendor. Ademais, animará á xente a que se desprace ata a Cruz de Ermelo para rematar a romaría coa recreación actual dunha instantánea dos anos 60 tomada ante a cruz e na que aparecen veciños e veciñas da Banda do Río gozando da romaría de Ermelo.

O concelleiro responsable de Festas, Xosé Leal, destaca que con este acto "queremos que participe a xente que estea en Ermelo para por en valor a recuperación da historia dos festexos da vila. Este proxecto conta coa web www.freguifestasbueu.gal na que se poden ver as fotografías antigas que se están a recompilar, e na que se amosarán as feitas este ano". Agora só faltan os figurantes que queiran participan nesta recreación.

As vindeiras citas das Freguifestas serán en Beluso o 15 de agosto, en Ons o 18 de agosto e rematarase o 25 de agosto en Cela. O Concello continúa a precisar a colaboración da veciñanza desas parroquias para recompilar fotografías antigas das festas, para o que habilitou un correo electrónico para remitir as imaxes ou pedir información para escanealas:
[email protected].

CONTACONTOS E VERBENA. A romaría de Ermelo traerá o mércores ás 18.00 horas contacontos para a rapazada da man do Bardo Abelardo, que fará fincapé na historia, nas tradicións e no coidado do medio ambiente.

Ás 19.00 horas actuará Vento Mareiro Forza 5, cos seus cantos de taberna, e ao remate terá lugar a homenaxe aos veciños mencionados.

Ás 21.30 horas comezará a verbena que será amenizada polo Trío Bahía.

Comentarios