"Cada peza da exposición ten a súa vida e entre todas elas contan unha historia"

A Sala de Exposición Amalia Domínguez Búa de Bueu convértese este mes de marzo nunha performance artística a través dunha mostra que concentra os últimos traballos de escultura do bueuense Ramiro Agulla
Ramiro Agulla xunto a unha das pezas que compoñen a exposición. APP
photo_camera Ramiro Agulla xunto a unha das pezas que compoñen a exposición. APP

A sociedade de hoxe en día vive rodeada de información, unha premisa que, a través da arte conceptual, se converte no fío condutor da exposición do escultor buenense Ramiro Agulla Menduiña Folerpas de papel caen devagar sobre fachos prendidos. A mostra ensambla varios elementos como as esculturas, recortes de prensa, os bloques de formigón, a luz e a música que crean unha atmosfera común para promover a reflexión entre os visitantes.

É fundamental para comprender a exposición, comprender o título que a acompaña: Folerpas de papel caen devagar sobre fachos prendidos
O título é a condensación dunha serie de traballos. Todas as pezas que compoñen este resultado final teñen como conclusión ese título, que xorde case ao final de todo. O espazo xa estaba traballado, o tema da iluminación e o que ían a contar os materiais. Toda a historia que se conta aquí estaba matizada e desenvolvida previamente, pero o difícil era condensar toda esa información nun único título. Foi días antes de imprimir o cartel cando se me ocorreu ese título que creo que engloba ese fío condutor e esa idea principal da exposición.

Como lle xorde a idea de montar esta exposición, tan adaptada ao que se está vivindo hoxe en día?
Despois destes dous últimos anos vas facendo unha serie de pezas e xurde a necesidade de que esas pezas ocupen un espazo e formen parte dun para que a xente as poida gozar e ao mesmo tempo que non só sexa unha exposición de pezas soltas e individuais que cada unha delas ten a súa vida, se non que as metamos nun contexto actual. Cada un de nos vimos de onde vimos, pero percibimos todo aquelo que nos rodea. Desa mesma forma pretendíao facer coas pezas; cada unha ten a súa vida e entre todas elas contan unha historia maior como a que estamos vivindo hoxe en día. O fundamental é que transmitisen todas en conxunto.

A cada persoa a exposición pode suxerirlle algo distinto, pero, cal era a súa intención principal?
O que pretendía era dar pistas que nos fagan reflexionar tanto as pezas, como a composición do espazo e todos os recortes de prensa que simbolizan eses titulares, e eses pequenos trouzos de información que, dependendo de como os utilicemos, nos poden suxerir ou levarnos a esa des información provocada, incluso, por ese exceso de información e incluso a manipulación da información. Cada persoa vai a levalo a súa situación persoal, a súas vivencias, pero si que ese elemento está aí e o que pretendo con todas as pezas é xogar coa percepción do espectador. Que cada un interprete e que o leve ao seu terreo. Aínda que lle dea pistas de por onde quero ir eu, despois cada un vaino a interpretar a súa maneira

Que materiais utiliza na mostra?
A primeira peza que nos atopamos nada máis chegar é unha de madeira, con tacos pequenos de carballo que se utilizarían para reciclar, re tales que nunha carpintería non valerían de nada. A partir de aí nace esa figura. O resto das pezas son de cerámica e cada unha delas ten un tratamento distinto e unha textura e coloración diferente. Todas elas están englobadas dentro dunha etapa onde tamén estou facendo un traballo de análise e investigación para ver que posibilidades me permite a cerámica.

A luz o é todo e o enfoque permítenos ter unha cara das cousas, pero tamén esa parte oculta ou escura

O fío condutor está presente fisicamente a través desas folerpas. É algo que tiña claro?
Vai xurdindo a medida que vas facendo a análise de por onde ir. Este é un traballo de deseño puro e duro, de deseño dun espazo expositivo onde a sala desaparece e aparece outro mundo. Dende ese punto de vista poético tamén está esa reflexión técnica de como colocas cada unha das pezas para suxerir intencionadamente unha idea. Ese era o obxectivo. Cada peza está colocada de determinada maneira para contar algo. Non hai nada gratuíto; non hai nada posto ao azar. Está buscado de forma intencionada para crear esta atmosfera que pretende transmitir. Esa é a finalidade.

A exposición está composta por seis pezas. Por que non máis ou por que non menos?
Hai un tope máximo por cuestión de espazo e porque non fose un elemento que saturase. É unha sala dunhas dimensión reducidas. Ese é o punto de partida. Despois quixen escoller esas pezas que realmente me axudasen a poder transmitir esa historia. Hai un contraste claro entre as seis que rodean ese muro, as que os culminan, e despois o punto de luz e dese soño que é a peza centrar que transmite esa paz e ata onde o resto queren ir. Pola composición do propio espazo e pola forma que se acaba dando a ese muro, todas rodean ese elemento central que é o protagonista da historia 

Diariamente vai engadindo elementos novos á exposición...
Para poñernos no contexto actual ese elemento, que é o recorte de periódico onde sae unha información, que pode ser un gran abanico, si que hai unha intención clara de tocar o tema deses muros, desas barreiras, desas fronteiras... pero hai moita información de violencia de xénero, por exemplo, e todo tipo de situacións que se dan hoxe en día e que todas elas nos fagan reflexionar. Son todos eses elementos informativos que nos chegan día a día e que ata certo punto chegan intencionados por parte dos diferentes medios de comunicación.

A luz sempre xoga un papel fundamental en calquera exposición, pero na súa pódese dicir é tamén a protagonista.
A luz o é todo. Sen luz non temos nada diante. Témolo tan normalizado, que se agora apagamos a luz este espazo non tería sentido. Pola miña formación, de deseño de interiores, a parte escenográfica é un tema que sempre me acompaña; esa parte do espazo e como a luz pode facer que percibamos as cousas. Como ese enfoque de luz che permite ter unha cara das cousas, pero tamén a contraria. Facendo un percorrido arredor da exposición podes atopar esa parte oculta ou os cura que teñen todas as pezas.

Preguntarme o por que de todo e dos elementos, para min é unha máxima que me leva acompañando sempre

Que papel ten a música na mostra?
Quería xogar con todos os sentidos. Poder envolverte nun espazo, entrar e camiñar entre eses dous muros e a medida que vas facendo ese camiño, que todos facemos día a día, vaste atopando todas esas expresións, esas mensaxes... É o camiño da vida de cada un. Iso quería incluílo dentro do espazo. A música ponos nunha situación e suxírenos.

Cree que todo o mundo pode chegar a comprender o que intenta transmitir?
A idea principal desta exposición é transmitir,  contar unha historia e que nesa primeira lectura todo o mundo chegue. Poderás ser máis especialista dentro do mundo da arte e analizarás máis a técnica, composición e o material que utilízache; ou como resolver a parte máis pura do oficio, incluso se resolves ben esa figuración dende o punto de vista compositivo. Pero ese punto de partida, polo que estou percibindo día a día na sala, creo que está chegando. Para min é a maior satisfacción que te podes levar, que cando fas un traballo teñas esa primeira apreciación da xente que lles transmite e lles está contando algo.

Que é o que se vai a atopar a xente que se achegue ata aquí?
Eu o que lle diría a xente é que se abstraia de todo aquelo que levamos todos postos, que nos quitemos de prexuízos e sexamos nós mesmos. Que nos deixemos levar polo que nos vamos atopando, e que nos preguntemos sempre o por que. Esa para min é unha máxima que me leva acompañando sempre. Preguntarme o por que de todo e de todos eses elementos que nos van aparecendo polo camiño. Isto ao final é un camiño que te pretende levar a un mundo e contarche unha historia.

Comentarios