"Ante o resultado das pasadas eleccións municipais, moi lonxe dos obxectivos marcados, fago saber que pretendo presentar a miña renuncia á acta de concelleiro e non tomar posesión do cargo". Con estas declaracións comeza o escrito emitido este martes por Camilo Macenlle, candidato á Alcaldía do PSOE de Bueu, en que comunica a súa renuncia ao escano conseguido o pasado 28-M –os socialistas bueuenses sumaron nos comicios un total de dous edís–.
"Para min a política é unha actividade que ten que estar en consonancia e perfectamente aliñada coas demandas da xente e cando iso non ocorre e a distancia é demasiado ampla, debe aceptarse a realidade. É o momento de dar paso a novas persoas", recoñece Macenlle.
A súa renuncia prodúcese o día en que o BNG (oito concelleiros e a un da maioría absoluta) e PSOE (dous escanos) comezaban as negociacións para pactar.
"Deséxolle moito éxito ao goberno resultante destas eleccións municipais, porque iso vai ser bo para Bueu", conclúe Macenlle no seu comunicado.