Campamentos de verán con sentidiño

A Illa de Ons será o destino de 30 nenos e nenas durante os próximos oito días nos que poderán gozar de numerosas actividades relacionadas co mar e a natureza
undefined
photo_camera Varios dos campistas agardando pola proba de antíxenos. POOL

O barco do campamento xuvenil da Illa de Ons, un dos 35 que forman parte da campaña estival da Xunta de Galicia, zarpou na tarde do xoves dende Bueu cara á súa primeira quenda. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañou aos 30 rapaces e rapazas de entre 9 e 11 anos que, con moitos nervios e ilusión, darán comezo ao seu verán con oito días de actividades e convivencia.

Esta consiste na primeira das seis quendas que permitirá aos seus participantes gozar desta parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os campistas poderán realizar diferentes actividades relacionadas co mar e a natureza tales como o pádel surf, o tiro con arco, kaiak ou xincanas, entre outras.

A conselleira animou a estes nenos e nenas a facer novas amizades e sobre todo a divertirse e vivir experiencias, ademais de facer referencia ao obxectivo principal desta campaña de verán 2021: ''dinamizar o sector do tempo libre e do ocio, que foi tan azotado pola pandemia''.

Baixo o lema O verán que mereces, a programación estival deseñada ofrecerá ata setembro unha completa oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante o pasado ano, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias.

Fabiola García asegurou que, lonxe dos estereotipos, a mocidade galega ''é responsable, é seria, e é comprometida'', facendo referencia ao sentidiño adquirido pola maioría dos xóvenes neste último ano.

Probas de antíxenos. Como novidade, en todos os campamentos da Xunta de Galicia, así como nos campos de voluntariado e nos minicampamentos, realizaranse probas de antíxenos gratuítas previas ao comezo dos mesmos.

Estas serán realizadas tanto para os nenos participantes como para todos os monitores do mesmo, co fin de evitar calquera risco. Desta forma, se o resultado é negativo, os nenos poderán acceder ao propio campamento e gozar con todas as garantías deses días.

Comentarios