Cancelados os concertos e actividades da Festa Corsaria de Marín

O Concello toma a decisión a poucas horas do inicio da celebración ante a "nova regulación" apuntada polo Ministerio de Sanidad ante a evolución da pandemia
Festa Corsaria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A edición de 2019 da Festa Corsaria. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Marín suspendeu este venres os concertos e actividades programados para a edición deste ano da Festa Corsaria, que estaba previsto que se celebrase nesta mesma xornada e na do sábado. O goberno local toma esta decisión á vista da "nova regulación con respecto ao lecer nocturno, no que afecta á hostalería e restauración".

Case ao tempo que se coñecía a determinación do Ministerio de Sanidad de ordenar o peche de discotecas, salas de baile e bares de copas, e a poucas horas de que se iniciase a festa, o Concello de Marín comunicaba a cancelación de "todas as actividades de dinamización, concertos en distintos puntos e actividades" programadas na Festiña Corsaria. Anúlanse así unhas celebracións que xa se deseñaran nunha versión adaptada ás restricións da pandemia.

Mantéñense, con todo, o Mercado Medieval na alameda de Marín e o de oficios, no parque Eguren, "cos postos xa montados e que cumpren coas medidas de seguridade".

O Concello apunta, ademais, que locais e terrazas deberán pechar á unha da madrugada e que os grupos non poderán superar as dez persoas.

Lembra tamén que é obrigatorio o uso de máscara e que está prohibido o botellón e fumar se non se pode gardar unha distancia de dous metros con outras persoas.

Comentarios