Manuel Germade Menduíña, mestre bonsai

"Cando coidas un bonsai tes que ter en conta que traballas cun ser vivo"

Este mozo buenense, namorado dos bonsais desde neno, é o único español que posúe o título que o certifica como experto nesta arte xaponesa na que o máis importante é a paciencia. Germade é recoñecido en Europa mentres lamenta que na súa terra se lle dea máis valor ao de fóra

Manuel Germade Menduíña. CEDIDA
photo_camera Manuel Germade Menduíña. CEDIDA

MANUEL VIViU no Xapón cinco anos para formarse no berce da cultura dos bonsais. Malia ser un Mestre Bonsai e ser recoñecido en todo o continente, a nivel local sabe que é máis complicado porque sempre se valora máis o de fóra.

Onde comezou esta paixón polos bonsais?
Cando tiña cinco ou seis anos, un día, estaba cos meus pais nun centro comercial e vin un bonsai que vendían nunha tenda. Gustoume. Chamoume a atención e intentei que mo mercasen porque sentín unha atracción cara aquela árbore que era descoñecida. Logo de moito insistir, déronme un como agasallo.

E aí comezou todo.
Ao principio había moita desinformación. Foi hai 30 anos, non había Internet e só había clubs de afeccionados na Coruña e en Vigo. Todo era moi inaccesible. Fun aprendendo cousas dos poucos libros que atopei, que a maioría nin estaban en castelán.

Por iso estudou Bioloxía?
Elixín Bioloxía malia que nun comezo non estaba moi seguro do que quería facer. Cando tiven que escoller a especialidade e elixín as plantas xa me sentín máis cómodo. Durante unha tempada fun a Madrid a facer cursos para seguir aprendendo, pero canto máis profundizaba, máis claro tiña que aquí non podía conseguir moito máis.

E chegou o momento de ir a Xapón.
A primeira vez estiven tres meses, o máximo que se pode estar co visado de turista. Esa viaxe resultoume insuficiente, sabía que precisaba máis, polo que falei cos responsables do lugar no que estudaba e logo dun tempo volvín para ser aprendiz. Estiven alí cinco anos traballando a diario ata que me concederon o certificado de Mestre Bonsai en xullo de 2016.

Como foi a experiencia?
Hai anos os xaponeses eran moi herméticos coa entrada de estranxeiros neste mundo, pero como agora os mozos non queren continuar coa tradición e teñen medo de que esta cultura desapareza, permiten moito o acceso á xente de fóra para garantizar a superviviencia desta arte.

Cantos Mestres Bonsai hai en España?
Con título somos dous. Un rapaz de Polonia que estivo en Xapón uns anos antes ca min e máis eu. A nivel europeo, ao mellor recoñecidos oficialmente hai tres ou catro. Logo, como en todo, hai moito intrusismo e xente que foi unha fin de semana ou un mes e ‘vende’ que ten títulos.

Onde traballa normalmente?
Fóra. En Bélxica, Alemaña ou Italia. Este é un mundo moi reducido. Cando me chaman de Europa é porque saben quen son, onde me formei e o que son capaz de facer. A nivel local é máis complicado ter ese tipo de recoñecemento porque sempre se lle dá máis valor ao de fóra que ao da casa. É triste pero é así. En todo. No mundo do fútbol, das artes...

Que é Gomo Bonsai?
A miña empresa. Cando volvín de Xapón coas súas titulacións (a que outorga a Asociación do Bonsai e a da Asociación de Sohin Bonsai, que son unha especie máis pequena), comecei a traballar pola miña conta. Gomo Bonsai ten varias liñas de traballo. Unha delas é na que ofrezo asesoramento, tanto presencial como en liña, aos meus clientes ou mesmo lle traballo as súas plantas, no meu estudio ou nas súas vivendas. Ademais, tamén teño un servizo de mantemento de coleccións de particulares e unha escola. Gomo Bonsai dispón de cursos, talleres, conferencias ou demostracións, entre outros, e servizo de residencia. Como o programa co que eu fun a Xapón, para que a xente non teña que ir tan lonxe para aprender.

Xa tivo algún aprendiz?
Si, tiven un cliente vasco que xa veu varias veces e actualmente está un mozo da zona de Gondomar.

Traballar con bonsais é relaxante?
Esa é a idea que venden. Se tes unha afección e empregas o teu tempo libre nela, pode ser unha vía de escape e que te relaxa, pero cando é o teu traballo xa non é tan relaxante (Ri).

Que é o máis importante para coidar estas árbores?
Ter paciencia e non apurar os pasos; en cada momento hai que facer o que corresponda. O máis difícil é saber medir os tempos, trazar un plan de traballo e respectalo. Neste mundo as tarefas pénsamolas a longo prazo, se queres ver resultados de maneira inmediata, precipítaste. Tamén hai que ter en conta que estamos traballando con seres vivos, non son unha escultura. Antes de deseñar e facer cousas bonitas, hai que saber manter o material porque ten que estar san.

O clima galego inflúe na devoción que hai polos bonsais?
As Rías Baixas son unha zona moi favorable para tódalas plantas en xeral. Non hai temperaturas extremas e a auga é de calidade e suficiente. España, en xeral, é moi seguidora dos bonsais. Deixando a Xapón de lado, é un dos países máis potentes xunto con Italia, Bélxica ou Holanda.

Comentarios