Cangas acolle ata domingo a XV Feira de Oportunidades do Morrazo con 25 postos

O evento conta este ano cunha oferta variada de produtos do comercio local con descontos que poden chegar a acadar ata o 70%
2020081512131190375
photo_camera Diposición dos postos de venta da Feira en Cangas. CEDIDA

A Feira de Oportunidades do Morrazo foi inaugurada venres pola presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), Ana Ave Estévez.

Os Xardíns do Sinal na Alameda de Cangas son os encargados de acoller ata o domingo os 25 postos de venta dunha edición que estará marcada polas medidas de seguridade e hixiene precisas.

O obxectivo da Feira, organizada por FECIMO é dar saída ao stock dos comercios locais de Cangas, Bueu e Moaña, Para iso, os produtos contarán con descontos de ata o 70% para incentivar a compra por parte dos asistentes.

Deste xeito, foi precisa adopción de medidas de seguridade que garantan o benestar dos clientes e dos expositores. O cambio máis notable foi a substitución da carpa común por diferentes 'haimas' individuais separadas entre si. A consecuencia disto tamén aumentou o perímetro exterior da Feira, chegando a acadar unha superficie de máis de 1.000 metros cadrados. Así, a organización busca non perder a esencia común do evento.

Outra das medidas adoptadas foi incluír a presenza de xel hidroalcohólico, de luvas nos postos e de papeleiras para o seu depósito. Ademais, estableceuse un percorrido no recinto e hai persoal supervisando o cumprimento destas normas.

Os compradores poderán pagar con tarxeta xa que moitos dos expositores incorporaron TPV inalámbrico para o cobro.

Esta edición acolle produtos de diferentes sectores como zapatería, moda, tecnoloxía...

O seu horario é de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas. Conta co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Cangas e de Abanca para fomentar o comercio local do Morrazo.

Comentarios