Cantodarea pon en valor os seus cruceiros

A Asociación Veciñal A Fonte, coa colaboración do estudoso Xoán Arco da Vella, pretende transmitir ao Concello de Marín unha proposta de posta en valor destas xoias patrimoniais
undefined
photo_camera Un dos cruceiros que se poden atopar no barrio de Cantodarea, en Marín. DP

EN GALICIA hai preto de 12.000 cruceiros, un dos monumentos máis característicos da comunidade autónoma e una sinal de identidade da paisaxe galega que, según conta a lenda, protexen os viaxeiros. Son moitos os estudosos e historiadores que ao longo da historia se interesaron por catalogar cada una destas pezas únicas. Incluso o propio Castelao publicou un libro en 1950, 'Cruces de Pedra da Galiza', no que se recollía historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos, así como doutras cruces de pedra.

A día de hoxe os historiadores continúan interesandos por estes monumentos e pola súa orixe. Tamén a propia cidadanía mostra cada vez máis interese por coñecer a historia destas pezas, tan típicas nas estampas galegas. Por iso, a Asociación Veciñal A Fonte de Cantodarea e Estribela puxo recentemente en marcha un iniciativa coa que pretender dar visibilidade e por en valor os diferentes cruceiros e cruces que se atopan no barrio marinense.

Dende fai unhas semanas, a agrupación veciñal, coa colaboración do estudoso Xoán Arco da Vella, comezou a recoller en video a historia dos cruceiros e das cruces que se poden observar en Cantodarea, situados dentro dunha ruta case circular que percorre o Camiño Cruceiros, chegando á Igrexa Parroquial de San Xosé Obreiro, onde se atopa o último cruceiro desta pequena ruta.

O primeiro deles é o da Laxe da Danza, que foi o único dos sete cruceiros do barrio que non se moveu dende a súa construcción que, según Xoan Arco da Vella, podería datarse de antes do ano 1800 aínda que "non é unha data que poida dar con exactitude. O que sí se sabe é que é o máis antigo de todos e incluso está recollido no libro de Castelao".

Outro dos cruceiros máis representativos da ruta é o cruceiro típico de Cantodarea, cuxos "debuxos" están protagonizados polas almas que quedan atrapadas no purgatorio. Caracterízase principalmente porque antigamente tiña un peto, onde os veciños da zona metían cartos para logo celebrar misas polos mortos polos que "ninguén rezaba".

Con respecto ao cruceiro da igrexa, orixinariamente situábase ao pé do mar —no que agora é a Avenida de Ourense—. Esta peza, que pertencía a unha familia, foi doado posteriormente á igrexa, onde loce a día de hoxe.

undefinedCon todo, a Asociación Veciñal A Fonte tamén quere dar a coñecer a problemática que rodea á "falta de mantemento" dos cruceiros, xa que algúns deles "atópanse rodeados de colectores de lixo ou invadidos polo cableado da luz. Non costaría nada acondicionar o entorno, como se fai noutros concellos".

Nesta liña, o obxectivo principal de A Fonte é facer chegar ao Goberno local de Marín un proxecto de posta en valor e visibilidade dos cruceiros e das cruces de Cantodarea, marcando o percorrido e colocando paneis que relaten a súa historia e datos de interese para os veciños e para os turistas. A propia entidade, ademáis, tamén se quere ofrecer de forma desinteresada a ser guías dese itinerario.

Comentarios