As carabelas portuguesas chegan ás praias de Bueu

Dende Cemma explican que están aparecendo "miles de milleiros" destes "perigosos" exemplares a causa dos temporais
Dous exemplares identificados por unha veciña en Ancoradouro. FACEBOOK
photo_camera Dous exemplares identificados por unha veciña en Ancoradouro. FACEBOOK

O ano 2021 comenzou coa chegada dunha enorme plaga de carabelas portuguesas a gran parte da costa norte galega, o que provocou que moitas praias se tivesen que pechar como medida de prevención debido á perigosidade desta especie. Aínda que non é frecuente observalas en Galicia en tan grandes cantidades, os temporais favoreceron a súa chegada ás costas galegas.

Pero non foi ata estas últimas semanas cando a comarca do Morrazo comezou a recibir esta especie nas praias. De feito, esta semana, algúns veciños de Bueu manifestaron a súa presencia a través das redes sociais, como unha buenense que localizou dous exemplares na praia de Ancoradouro. Tamén esta mesma semana, o Grupo de Emerxencias de Cangas tivo que retirar ata un centenar de medusas portuguesas na praia de Rodeira, o que levou ao Concello a ter que sinalizar a zona para advertir aos usuarios da súa presenza.

Dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) explican que "están aparecendo miles de milleiros" destes exemplares dende o outono por toda a costa de Galicia, con maior incidencia no último mes a causa dos temporais. Dende a coordinadora advirten que "hai que ter precaución con elas", aínda que tamén con outras moitas especies que están chegando ás praias galegas polos temporais como son os veleiriños, velella, augamares, rizostoma pulmo ou a pelagia noctiluca. 

Cemma recomenda que se algunha persoa se atopa con algún exemplar de carabela portuguesa non se deben tocar nunca e débese pór en coñecemento das autoridades por se é necesario tomar algunha medida.

Comentarios