A Danza de Espadas de Marín xa forma dende este martes parte do repertorio musical do recoñecido gaiteiro galego Carlos Núñez. O Museo Manuel Torres foi o escenario escollido para presentar o videoclip musical da nova canción do artista, 'Danza de Espadas', unha adaptación do tema tradicional que aparece no Cancioneiro de Casto Sampedro.
No acto, ademáis da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o presidente do Padroado de San Miguel, Lois Dopazo, tamén estivo o propio Carlos Núñez, que se amosou moi sorprendido de que esta tradición tan antiga "siga viva en Marín". De feito, ese foi un dos motivos que levou ao gaiteito a escoller a Danza de Espadas marinense para formar parte do seu repertorio.
"A partir de hoxe Marín será a nova capital da Danza de Espadas, tanto de Galicia como do mundo", expresou Núñez. A Danza de Espadas de Marín forma parte das máis de trinta danzas brancas rexistradas na comunidade autónoma e unha das cinco que se realizan na comarca do Morrazo.
Como agasallo polo proxecto, no que participaron danzantes de diferentes idades, o Concello de Marín e o Padroado fixolle entrega a Carlos Núñez dunha espada tradicional do baile e dunha faixa vermella, un dos elementos máis representativosda indumentaria da Danza.
O videoclip, de tres minutos de duración e que se colgou en Youtube á unha da tarde, está gravado prácticamente na súa totalidade en diferentes zonas de Marín. De feito o pasado mes de setembro, a praia de Aguete formou parte da rodaxe, que correu a cargo da productora marinense Trece Amarillo.