A Casa Museo de Colón de Poio revalorízase coa activación do Plan de Dinamización

A entidade Tempos Arqueólogos organizará actividades durante os vindeiros meses
► Haberá visitas teatralizadas ao longo do verán
Reunión na Casa Museo entre o goberno local e as entidades. DP
photo_camera Reunión na Casa Museo entre o goberno local e as entidades. DP

Un paso adiante para a posta en valor da Casa Museo de Colón situada no lugar de Portosanto (Poio). Isto é o que suporá o Plan de Dinamización xa activado polo Concello de Poio e que, en palabras da tenente de alcalde e Concelleira de Turismo, Silvia Díaz, suporá "unha nova etapa" para as emblemáticas instalacións, que pasarán a contar con actividade de todo tipo durante os vindeiros meses, a través dunha pauta de eventos variada e para todos os públicos, que incluso incluirá visitas teatralizadas ao longo do verán.

Neste sentido, Díaz mantivo hai uns días unha reunión de traballo con responsables da entidade Tempos Arqueólogos, que será a encargada de desenvolver as iniciativas que se inclúen no devandito plan, e con Pedro Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica, un colectivo "plenamente implicado na difusión e promoción do museo e da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón", apuntou a edil, nun encontro no que tamén tomou parte o responsable de Pesca e Marisqueo, o socialista Julio Casás.

Deste xeito, ao tempo que o Concello segue a traballar na posta en valor da cultura mariñeira e marítimo pesqueira, as instalacións poderanse dinamizar mediante unha achega do GALP Ría de Pontevedra. "Aspiramos a que este centro se consolide como un referente na interpretación e xestión do patrimonio galego", afirmou Díaz, e que ten por obxectivo aumentar as visitas e poñer en valor o espazo.

Cabe lembrar que as instalacións foron inauguradas no ano 2010 e que reciben excursionistas de xeito periódico, que se achegan a coñecer a Casa, o material e a documentación que garda, grazas á colaboración da Asociación Galicia Histórica, coa teoría do Colón Galego no centro. "Agora queremos dar un paso máis e chegar a un público moito máis heteroxéneo", asegurou a edil, quen tamén explicou que Tempos Arqueólogos aplicará varias medidas encamiñadas a reforzar as visitas de colectivos escolares, turistas, persoas da terceira idade ou afeccionados.

O Plan de Dinamización inclúe unha relación de obradoiros para grupos de entre cinco e 30 persoas, con temática variada en función da idade dos e das participantes. Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria propóñense obradoiros de fomento da creatividade, a través dos cales poderán coñecer a grandes artistas da Idade Media. Tamén se incluirán ciclos sobre arqueoloxía, obradoiros musicais e de cerámica, moitos dos cales se ofrecerán tanto a un público infantil como adulto. "Ademais, apostamos por fomentar outro tipo de citas, como as presentacións de libros, a realización de cursos vencellados ao patrimonio ou a organización de charlas e xornadas divulgativas", asegurou Díaz.

No que respecta ás visitas teatralizadas, correrán a cargo de Leucoíña Pasea, e terán lugar do 18 ao 20 de agosto na Casa Museo (11.30 horas), se ben tamén haberá unhas xornadas no Bosque de Secuoias entre xullo e setembro, con 15 prazas por sesión.

Comentarios