O casco histórico de Marín colle pulo grazas á rehabilitación de vivendas

No 2022 adquiríronse tres inmobles nesta zona ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia
A conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, en Marín. GONZALO GARCÍA
photo_camera A conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, en Marín. GONZALO GARCÍA

Co obxectivo de que os cascos históricos rexurdan como lugares atractivos para vivir, ao mesmo que se pon en valor o patrimonio arquitectónico, edificatorio e cultural dos concellos galegos, a Xunta de Galicia sacou hai catro anos unha liña de axudas á adquisición de vivendas nos centros históricos que xa está consolidada. Concretamente, durante o 2022, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu 76 axudas para a adquisición de vivendas xa construídas en 19 centros históricos por preto de 650.000 euros.

Destes datos informou este martes a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita ao centro histórico de Marín, onde estivo acompañada pola alcaldesa, María Ramallo; a encargada do ARI en Marín, Ivana Conté, e outros edís municipais. No referente a esta axuda á adquisición de vivendas, na localidade marinense, durante o pasado ano, concedéronse tres para a compra de inmobles no casco antigo, sumando así un total de cinco dende a posta en marcha desta liña.

Estas axudas para a compra de inmobles en cascos históricos, recollidas no Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, cada ano teñen máis beneficiarios. A convocatoria de 2022 abriuse cunha dotación inicial de 500.000 euros e, dado o éxito, ampliouse a contía en 150.000 euros.

A contía das axudas é, con carácter xeral, de 10.800 euros. Ademais, no caso de que o solicitante teña menos de 35 anos recibirá unha axuda de 12.800 euros. De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor a boa acollida desta iniciativa entre a xuventude, xa que o 52% das axudas foron recibidas por este colectivo.

Tal e como apuntou onte a conselleira durante a súa visita á Marín, estas axudas á adquisición da vivenda son compatibles coas de rehabilitación. Esta liña volverá saír a finais de febreiro ou a principios do mes de marzo. De feito, un veciño de Marín, Miguel, que adquiriu unha vivenda na rúa Caracol -incluída na zona ARI- contou tanto coa axuda para comprar o inmoble como coas de rehabilitación e eficiencia enerxética. "Foi unha moi boa oportunidade e non teño máis que dar as grazas", expresoulle o veciño onte á conselleira de Vivenda.

Problemas de vivienda

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, remarcou a problemática que existe na localidad marinense no relacionado coa vivenda ante a falta de nova construción. É por iso que, segundo apunta a rexedora, nos últimos anos, o Concello de Marín fixo unha aposta pola implantación da zona ARI –que inclúe o casco antigo e a zona do Lameira– e a posterior creación da oficina do ARI de Marín, encargada de tramitar todo tipo de axudas relacionadas coa vivenda. De feito, dende a súa posta en marcha hai unha década, esta oficina xestionou 300 axudas neste ámbito.

Para Ramallo, este tipo de liñas "solucionan problemas de viviendas y pone en valor la zona del casco antiguo, que además desde el Concello complementamos con la mejora y rehabilitación de los servicios. De esta forma las calles tienden a mejorar y las zonas se revalorizan".

A rexedora marinense quixo manifestar a intención do Goberno local de crear unha nova zona ARI en Cantodarea, no seu límite con Estribela. "Los vecinos nos transmiten cierto interés a la hora de poner en valor zonas que se van abandonando y necesitan un elemento de dinamismo", expresou Ramallo, que tamén lembrou que se levará a cabo a redacción do Plan Especial para o casco antigo e tamén Cantodarea, que permitirá a ordeación das rúas para fomentar a construcción de nova vivenda. Para iso, o Goberno local solicitará unha nova axuda.

"Sabemos que los instrumentos urbanísticos llevan su tiempo para una tramitación adecuada, pero la iniciaremos y nos llevará el tiempo que sea necesario", rematou.

Comentarios