O Castro de A Subidá acolle unha nova campaña de escavado e consolidación

Con estes traballos preténdese consolidar e avanzar no coñecemento desta aldea da idade de Ferro

Varios arqueólogos están a traballar na aldea de Subidá. CEDIDA
photo_camera Varios arqueólogos están a traballar na aldea. CEDIDA

O Castro de A Subidá está a acoller unha nova campaña de escavación e consolidación promovida polo Concello de Marín. Este ano os obxectivos da actuación son solucionar os problemas de conservación do celeiro escavado e consolidado o pasado ano, e continuar avanzando no coñecemento desta aldea da idade do Ferro, ao tempo que se amplía a superficie exposta ao público.

A canle de control e drenaxe de augas pluviais coa que conta o celeiro, está alterada nun dos seus tramos pola acción das raíces das árbores. Para rematar co problema cortouse un gran piñeiro que medrou sobre o muro e estase escavando este sector, para logo retirar o toco da árbore e consolidar a estrutura.

Ao final da actuación poderase contemplar en toda a súa extensión este celeiro e a súa canle perimetral, un lugar onde hai máis de 2.000 anos os habitantes do castro almacenaban trigo, cebada, landras e outros alimentos que formaban parte da súa dieta.

A escavación tamén está rexistrando unha canteira tradicional de granito, que alterou gravemente o xacemento arqueolóxico, pero que tamén da conta dos usos do monte da cultura tradicional galega.

Esta nova actuación na Subidá fará deste xacemento arqueolóxico un destacado recurso cultural e turístico de Marín, que xa incluído en roteiros e visitas guiadas.

Comentarios