Catro días para empaparse de jazz

A vila buenense acollerá un festival adicado a esta música entre os días 7 e 10 de xuño

Autoridades e músicos, este xoves, na rolda da prensa. C. NEIRA (Festival de Jazz de Bueu)
photo_camera Autoridades e músicos, este xoves, na rolda da prensa. C. NEIRA (Festival de Jazz de Bueu)

"Esta era unha débeda que tiñamos pendente como Concello". Así presentou este xoves Félix Juncal, alcalde de Bueu, o que será o I Festival de Jazz de Bueu, un evento cuxa organización está en mans da Asociación de Jazz de Bueu e que promete ser todo un éxito na que será a súa primeira edición, que se desenvolverá entre os días 7 e 10 de xuño. Chus Pazos, promotor do evento, e Xosé Leal, concelleiro de Cultura, tamén estiveron presentes na presentación pública do cartel que encherá do mellor jazz galego, nacional, e incluso internacional, a vila buenense.

Os dous cabezas de cartel son Juzz, a banda de recente creación liderada por Virxilio da Silva, "un dos mellores guitarristas" do panorama nacional, e Antonio Lizana, un saxofonista e cantante gaditano que está a converterse nun auténtico referente no mundo do flamenco-jazz. Estes dous concertos serán na Praza Massó, mentres que o resto de bandas actuarán en distintos establecementos da vila. Aos concertos hai que sumar unha serie de jam sessions que terán lugar de forma paralela ao festival.

Tal e como explicou Chus Pazos, agárdase tamén a presenza de varios músicos internacionais, concretamente, o batería iraní Shayan Fathi, o baixista holandés Felix Barth e o saxofonista italiano Rosollino Marinello.

Os concertos repartiranse entre a Praza Massó e varios establementos hosteleiros da vila que colaboran co evento

Pola súa parte, Leal destacou que o festival se organiza neste mes de xuño dado que coincide que o Día da Música é o 21, polo que "quixemos apostar por un evento de jazz que nace dende unha asociación e que nos últimos tempos está gañando adeptos". Esta idea tamén foi apuntada polo alcalde, que puxo o foco de atención no apoio que mostrou o sector privado a este evento, no que se simboliza a "unión de todos os axentes sociais que temos algo que achegar a favor da cultura". "A Bueu faltáballe este complemento", engadiu o concelleiro, que espera que o evento "vaia medrando de cara ao futuro".

O rexedor tamén quizo facer fincapé no empeño que está a ter o Concello en tratar de diversificar a actividade cultural no tempo, "programando eventos de calidade durante todo o ano e non só en verán". Así a todo, anunciou que haberá máis sorpresas durante o mes de xuño, "que en Bueu estará marcado pola música". O propio Corpus contará cun concerto de Roi Casal, que mostrará aos veciños o seu espectáculo "Son galego, son cubano".

Leal cre que con este festival "reforzaranse aqueles que se dan noutros puntos da provincia", creando un circuito de jazz que inclúe Moaña, Pontevedra ou Vigo, entre outros lugares.

Programa

Xoves, 07. Bar O Farol.
21.00. Concerto a cargo do Cuarteto do cantante e saxofonista lucense Antonio Otero. Xunto a el estarán Álvaro Vieito á guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.

Venres, 08. Praza Massó.
22.00. Será a quenda de JUZZ, a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva quen, xunto a Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Felix Barth e Iago Fernández. B_Living.

00.00. Felipe Villa Trío ofrecerá unha jam session coa compañía do contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez.

Sábado, 09. Leña Verde.
12.30. Concerto de M.G.V. Trío, con Miguel González, Brais López e Íñigo Azurmendi. Praza Massó.

22.00. Actuación de Antonio Lizana Group. Aturuxo.

00.00. Jam session con Sunil López Cuarteto.

Domingo, 10. La Perfecta.
12.00. Pablo Sanmamed Trío pechará o festival.

 

Comentarios