Un colexio de Marín e un IES de Cambados, gañadores dun certame sobre o pergamiño Vindel

Alumnos do CEIP O Carballal e o IES Francisco Asorey conseguiron os primeiros premios do concurso de curtas sobre a lírica medieval galega

O Pergamiño Vindel. AEP
photo_camera O Pergamiño Vindel. AEP

O CEIP O Carballal de Marín e o IES Francisco Asorey de Cambados resultaron gañadores do certame de curtas sobre a lírica medieval galega Vindevídeos, convocado polas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura co gallo da estadía do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. 

Na categoría de centros de infantil e primaria fíxose co primeiro premio o CEIP O Carballal, de Marín, polo seu traballo Fals'e traedor e obtivo o segundo premio o CEIP Ortigueira, de Vedra, polo vídeo Galicia: referente da cultura medieval

Na categoría de educación secundaria outorgóuselle o primeiro premio ao IES Francisco Asorey, de Cambados, por Cantigueando. O segundo premio recaeu no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, de Ferrol, pola proposta O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel.

Nos próximos días poderán verse no Portal da Lingua Galega e na web de Cultura de Galicia os traballos gañadores.

Os premios do certame entregaranse ao longo do mes de febreiro no Museo do Mar de Galicia, co fin de que os galardoados –a quen se lles entregará unha reprodución facsimilar do Pergamiño Vindel– poidan visitar a exposición.

AMPLA PARTICIPACIÓN. Presentáronse ao certame un total de 58 traballos –28 de infantil e primaria e 30 na categoría do resto de centros educativos–, o que levou o xurado a destacar e agradecer a ampla participación, así como a boa calidade da totalidade das propostas. de curtas sobre a lírica medieval galega

EXPOSICIÓN.A Consellería de Cultura e a Universidade de Vigo promoven a mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que trae a Galicia dende a Morgan Library de Nova York esta xoia da lírica medieval galego-portuguesa.

Na exposición, que se  poderá visitar ata o mes de marzo no Museo do Mar de Galicia, o Pergamiño Vindel dialoga con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.

Comentarios