Cela pon en valor o seu viño

O Grupo de Desenvolvemento Rural pretende impulsar o sector vinícola da rexión a través da creación da Indicación Xeral Protexida 'Ribeiras do Morrazo'
Momentos da charla-coloquio en Cela. DP
photo_camera Momentos da charla-coloquio en Cela. DP

Os viñedos ubicados no concello de Bueu, en particular os pertencentes á parroquia de Cela, son o principal obxectivo do novo proxecto impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo. Trátase dunha iniciativa que busca poñer en valor ao sector da viticultura do lugar, centrándose nos viñedos de tinta femia, aumentando a súa base territorial e incluindo os seus viños no certificado de calidade do IXP Ribeiras do Morrazo.

Xunto con outras entidades do territorio, o GDR Pontevedra Morrazo foi o encargado de impulsar a creación da Indicación Xeral Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo. Este trátase dun distintitvo de calidade, aprobado pola Comisión Europea a comezos do ano 2018, que vai destinado aos viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela.

Segundo o Rexistro Vitícola de Galicia, no terreo enmarcado pola IXP Ribeiras do Morrazo, están inscritas en torno a 75.000 parcelas cunhas 2.340 hectáreas en total, que pertencen a 25.414 viticultores e viticultoras. Non obstante, na actualidade só cinco destas adegas –situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas– e 15 viticultores, con 6,91 hectáreas en produción, están a elaborar viños baixo este certificado. Esta realidade pode vir determinada polas problemáticas que afectan actualmente ao sector vitivinícola: unha idade media moi elevada dos viticultores, o que dificulta o relevo xeracional, e unha gran presión urbanística.

O proxecto arrancou cunha charla na que se obtivo información de cada un dos viñedos que permitirá buscar alternativas

Sumado aos recursos que ofrecen os viñedos de Bueu e coa intención de evitar o abandono duns viñedos centenarios, a cuestión levou ao GDR Pontevedra Morrazo a desenvolver unha serie de ferramentas para facer posible que ditos terreos se sigan traballando. Púxose en marcha o proceso de dito proxecto, o cal tivo o seu arranque o pasado venres 6 de agosto nunha charla-coloquio na que, en colaboración coa Asociación de viticultores San Martín de Bueu, deuse a coñecer a iniciativa ante os viticultores da zona. Do acto obtívose información directa de cada un dos viñedos e as circunstancias de cada viticultor, o que permitirá, segundo o Xerente do GDR Pontevedra Morrazo, José María Tobío, "buscar alternativas, analizar a viabilidade dos viñedos e actuar de maneira colaborativa e conxunta".

Un dos puntos fundamentais do proxecto para que os viñedos situados no lugar de Cela poidan certificar os seus viños dentro do IXP é que estean inscritos correctamente no Rexistro Vitícola, o que implica cumprir unha serie de requisitos para os cales é importante aumentar e mellorar as bases territoriais dos viñedos. O GDR pretende buscar alternativas para cada caso e actuar sobre o Rexistro Vitícola para que aqueles viñedos que actualmente non optan ao certificado de calidade do IXP poidan facelo.

Esta funcionará como unha experiencia piloto que, no caso de Bueu, estará enfocado á recuperación dos viñedos de tinta femia, característicos e moi recoñecidos no lugar de Cela, ademais de ter unha boa acollida comercial. Posteriormente o GDR aplicará o proxecto a outras zonas do Morrazo en perigo de abandono, o que dinamizará o sector vitivinícola da IXP Ribeiras do Morrazo.

Máis accións... Proxectos en diferentes frentes

O GDR Pontevedra Morrazo comezou a traballar en diferentes frentes dende que no ano 2018 acadou recoñecemento a nivel europeo. Actualmente, ademais do proxecto de ampliación da base territorial da superficie de produción certificada da IXP , existen outras iniciativas en funcionamento.

Profesionalización

Entre estes, o Grupo de Desenvolvemento Rural coordina tres programas formativos anuais cunha duración de máis de 300 horas. Co desenvolvemento e xestión destes programas búscase e se pretende alcanzar a profesionalización e a capacitación dos viticultores do Morrazo.

Comunicación

Como iniciativas de campañas de promoción e comunicación da IXP Ribeiras do Morrazo, creouse unha páxina web do GDR Pontevedra Morrazo, ademais de perfís nas distintas redes sociais. Por outro lado, elaboráronse unhas guías de boas prácticas para os viticultores, destinadas a mellorar e aumentar a capacitación dos viticultores, na liña de contribuir e impulsar a profesionalización do sector vitivinícola.

Ruta enoturística

O GDR Pontevedra Morrazo tamén se atopa traballando na elaboración dun roteiro enoturístico e cultural enfocado para os concellos incluidos dentro do IXP : Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela.


 

Comentarios