martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

Celsa González Ogando: "Ou se fai algo ou o lume será cada vez máis virulento"

Celsa González Ogando (Cela, Bueu, 1981). MIGUEL PARDELLAS
Celsa González Ogando (Cela, Bueu, 1981). MIGUEL PARDELLAS
A enxeñeira agrícola, membro de Batefogo, presentará 'Árbores que non arden. As mulleres na prevención dos incendios forestais' o 25 de outubro en Marín

Que é o proxecto Batefogo?
Batefogo nace da inquedanza dunha xente que vía como ano tras ano ardían os montes galegos. Como era posible? Por que ardían? Reflexionando sobre as causas decatáronse de que había unha serie de constantes que se repetían: os incendiarios, os montes sen limpar, o abandono do rural... Pero ademais había outros factores sociais. Este grupo deuse conta de que responder á pregunta de por que arden os nosos montes non era sinxelo. Aí nace o proxecto Batefogo, un proxecto de intervención social que ten como obxectivo compaxinar a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural, implicando á poboación local e apostando pola educación ambiental.

Do equipo forma parte vostede, enxeñeira agrícola, xunto a educadoras ambientais e un asesor especializado en cooperativas.
É un grupo multidisciplinar ao que eu me incorporei hai un par de anos. O obxectivo é poder achegarnos a esta realidade dende diferentes perspectivas: económica, paisaxística, medioambiental...

Di que responder á pregunta de por que arde o monte ano tras é ano é complexo. É de supoñer que as solucións tampouco serán sinxelas.
Non. As solucións non son sinxelas. A conclusión á que chegamos é que a clave está na xente que habita o territorio. Son os que poden poñer medidas para que o monte non arda. É certo que existe o problema do abandono do rural, pero tamén o é que cambiaron as dinámicas de usos do solo. Despois, hai particularidades de cada zona: maior ou menor conflitividade entre as comunidades de montes ou as comunidades veciñais, exceso de combustible... Como digo, as razóns polas que arde o monte son complexas e o resultado de moitos factores, dende como estáo territorio ata as actividades que se desenvolven nel pasando polo abandono do rural e polo cambio climático.

Apenas menciona aos incendiarios. Sen embargo, en situacións críticas, dende a Xunta chegouse a falar de tramas organizadas e de "terrorismo incendiario".
Si que pode haber casos concretos de pirómanos, pero, baixo o noso punto de vista, non é esa a resposta aos lumes forestais galegos. Os incendios prodúcense por razóns diversas e complexas.

Por que arde o monte non ten unha resposta sinxela. Inclúe a xestión do territorio, o cambio climático, o abandono do rural...

Unha das iniciativas que levou a cabo Batefogo foi a publicación, a través dunha campaña de micromecenado, do libro Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais. O venres 25 de outubro (20.00 horas, entrada libre) presentarano no Ateneo de Santa Cecilia de Marín.
Iso é. Pareceunos que este tema estaba pouco tratado dende a perspectiva de xénero. Este proxecto desenvolvémolo en dúas zonas, na de Manzaneda (Ourense) e na do Barbanza (A Coruña), neste último caso en colaboración coa Consellería de Medio Rural. Aí foi que vimos, por un lado, que a participación das mulleres era baixa e non se atrevían moito a falar e, por outro, que había poucas referentes. Sempre que preguntabamos a quen dirixirnos en comunidades de montes ou de veciños, aparecían homes. A maiores, as poucas voces femininas que atopamos vimos que tiñan unha percepción do monte moi diferente á dos homes. Nas súas opinións estaban moito máis presentes o valor social e o valor ecolóxico, por exemplo. Despois, nós mesmas, as mulleres do proxecto, démonos conta de que, se te fixabas tanto nos foros de expertos como en investigacións e estudos, a participación das mulleres era moi baixiña. Sen embargo, parecíanos importante que as mulleres tivesen algo que dicir neste tema.

"É que elas non prenden? Non apagan? Non reflexionan sobre os incencios forestais", pregúntanse vostedes mesmos á hora de explicar a idea que está detrás da publicación do libro.
Claro. Nós sabiamos que había mulleres traballando nisto e quixemos darlle visibilidade. No libro reúnimos artigos de dez mulleres que reflexionan, dende diferentes puntos de vista, sobre os incendios forestais. O resultado é un título que lle vai descubrir a moita xente a importancia da muller na xestión do territorio e en loitas como a das Encrovas.

Foi ver a película O que arde?
Aínda non! Pero teño ganas de ila ver, claro.

Os lumes tamén forman parte, dalgunha maneira, da cultura popular galega: do "arde Galicia co lume forestal" de Os Resentidos (1986) ao filme de Oliver Laxe.
Hai que ter conta que o uso do lume no rural foi cambiando ao longo do tempo. O uso que se facía, por exemplo, para recuperar os pastos, hoxe non se pode reproducir porque as condicións climáticas e a propia vexetación son tan distintas que impiden continuar con esa forma de proceder. Aínda que para moita xente sexa difícil de aceptar. O emprego do lume foi algo cultural en Galicia, si, e segue moi arraigado. Quizais é unha das razóns que impiden que sexamos conscientes do perigo real dun incendio forestal.

Vostede é optimista de cara ao futuro co tema do lume?
Eu son bastante pesimista, desgrazadamente. Mentres non haxa un cambio de modelo de xestión territorial e dos montes é difícil que as cousas cambien e se deixen de producir lumes. A iso hai que sumarlle o cambio climático, que é determinante. A miña opinión é que, se non se fai nada, vai seguir habendo incendios e cada vez van ser máis virulentos e máis difíciles de controlar. Hai que tomar medidas, sobre todo, para previlos.

Celsa González Ogando: "Ou se fai algo ou o lume será cada vez máis...
Comentarios
ç