O centro de formación A Aixola retomará a actividade con oito cursos e cen prazas

Arrancará no mes de abril e os ciclos oscilarán entre as 70 e as 350 horas lectivas
Un grupo de alumnos do centro A Aixola, nun curso anterior. G. GARCÍA
photo_camera Un grupo de alumnos do centro A Aixola, nun curso anterior. G. GARCÍA

O centro de formación A Aixola retomará a actividade cunha oferta de máis de 2.100 horas de formación en oito novos cursos cun cento de prazas dirixidas a alumnado do sector pesqueiro. O inicio das clases está previsto para o vindeiro mes de abril nas instalacións da escola, que ten a súa sede no porto de Marín.

Ademais dos oito cursos de diferente temática vinculada á pesca, e que oscilarán entre as 70 e as 350 horas lectivas, a oferta da Aixola complétase con varios módulos formativos nas áreas de emprego e prevención de riscos laborais que completarán a preparación do alumnado beneficiario.

Está prevista inicialmente a posta en marcha dun curso de laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval e outro de elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, os dous de 300 horas de duración e con 15 prazas cada un. Tamén están previstos un curso de mecánica básica de motores en embarcacións menores, de 150 horas de duración, e outro de reparación de embarcacións pneumáticas que requerirá unhas 300 horas, dirixidos a 12 alumnos cada un.

Este ano, como novidade, haberá un curso de formador de formadores para o certificado de confección de artes e aparellos

Como novidade, ofertarase un curso de formación de formadores para o certificado profesional de confección e mantemento de artes e aparellos (70 horas e 12 prazas).

A oferta do centro de formación A Aixola, cuxa xestión correrá a cargo do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, inclúe ademais un curso de velaría e acastillaxe de 350 horas con 12 prazas.

Ademais, as últimas 24 prazas dispoñibles ofertaranse en dous cursos, un de electricidade e hidráulica básica aplicada ao buque e outro de confección e mantemento de artes e aparellos, de 275 e 330 horas respectivamente.

COMPLEMENTOS. Todo o alumnado do centro completará a súa formación cos módulos de prevención de riscos laborais e poderá participar na formación para busca de emprego e autoemprego así como nas titorías de apoio para o mellor seguimento da formación.

A actividade formativa da Aixola está dirixida tanto a persoas relacionadas co sector pesqueiro, sexa pola súa formación ou vinculación laboral, incluíndo a aquelas persoas que traballan actualmente no sector, como ás que se preparan para entrar nel.

Comentarios