A CIG acusa á dirección do 061 de mentir sobre os problemas en Cangas

A central sindical asegura que oculta datos no informe sobre a supresión do sistema de desinfección covid na localidade Cangas
Ambulancias do 061 en Cangas. DP
photo_camera Ambulancias do 061 en Cangas. DP

A FGAMT-CIG acusa ao 061 de ocultar datos de xeito deliberado no informe remitido ao Concello de Cangas para xustificar a supresión do sistema de desinfección covid na localidade e para rexeitar a necesidade dunha ambulancia máis no Morrazo.

A respecto da desinfección covid en Cangas, no informe indícase que en Vigo disponse de persoal de reforzo para axilizar a desinfección, "dato que é absolutamente falso, posto que este venres as ambulancias do Morrazo agardaban para desinfectar con até tres vehículos en cola". Ademais, só contan con tres máquinas para 10 ambulancias, "por non falar de que a dotación da ambulancia é a que se encarga destas tarefas sen axuda externa de ningún tipo". 

No tocante á necesidade dunha nova ambulancia na comarca, na central sinalan que o 061 manipula os datos ocultando as cifras dos anos anteriores ao 2019. "Non se pode estudar o aumento da demanda asistencial comparando o 2019 co 2020 cando estamos coas mesmas ambulancias durante máis dunha década e se trata dun problema que vén de lonxe; compárase co 2020, un ano cun notable descenso no turismo e cun confinamento da poboación, no que non houbo actividade relacionada coa industria e cos accidentes de tráfico". 

Ademais indican que segundo os datos remitidos polo 061 pódese comprobar que todas as ambulancias do Morrazo descenderon no número de servizo agás a de Cangas.

Comentarios