A cita máis especial do Entroido de Bueu

Evento ▶ O Festival de Comparsas de Bueu volverá encher o municipio de sátira e ironía. O evento celebrará este ano o seu 40 aniversario, que será conmemorado cunha edición por todo o alto a modo de homenaxe. O 24 de febreiro as coplas das agrupacións serán levadas ao pavillón municipal, un espazo cun aforo de case mil persoas.
Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.
photo_camera Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.

O escarnio, a retranca e as coplas cargadas de ironía e sátira volverán conquistar Bueu da man do Festival de Comparsas. Tras dous anos de obrigado parón a causa da pandemia, o Entroido do municipio recuperará o próximo 24 de febreiro a celebración deste tradicional evento, a cita máis característica destas datas na vila. A festa volverá por todo o alto e cunha edición do máis especial, que pretenderá conmemorar o 40 aniversario dunha cita que xa é referente en toda a comarca de O Morrazo.

Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.
Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.

O que xa é o festival de comparsas máis antigo de Galicia naceu hai máis de catro décadas co obxectivo de recaudar fondos para as escolas deportivas do Bueu Atlético Balonmán, colectivo que arrancou a iniciativa e que cada ano se encarga de organizar o evento. Segundo o define un dos membros da directiva da entidade e o encargado de coordinar o festival, Pablo Miranda, "esta é unha festa diferente e de cultura propia, poderá haber outras parecidas, pero como a nosa ningunha".

Aínda que se enmarca dentro da programación de actividades do Entroido, Miranda asegura que, nesta cita, "o menos importante sempre é o disfrace". Durante as actuacións das comparsas participantes, o foco ponse nas letras e coplas que estas preparan e cantan con esmero, xa que son as verdadeiras protagonistas deste evento. Con elas, e engalanadas con vestimentas do máis particular, as diferentes agrupacións adican críticas, sempre poñendo a ironía e o humor por diante, a personaxes ou cuestións que marcaron o ano.

O máis especial deste formato é que as pezas musicais, "ademais de provocar moitas risas e entreter ao público durante o festival, son letras que trascenden e se lembran durante anos", explica o coordinador da cita, quen ademais sinala que, entre os temas máis repetidos, "os políticos e as polémicas sociais sempre son os que se levan a palma".

MÁIS AFORO

Dende o seu nacemento, o evento pasou por diferentes ubicacións, e o problema recurrente en cada unha delas, segundo sinala Miranda, sempre é o mesmo: "O aforo". "En todas as edicións reicibimos algunha queixa porque hai xente que se queda sen entrada", explica o membro do Bueu Atlético Balonmán, unha situación que, para esta cuadraxésima edición, decidiuse evitar.

Posto que o de este ano pretende ser un evento especial, dende o colectivo organizador considerouse que o lugar e as dimensións da festa tamén deben selo. Por isto, a localización escollida para o retorno desta cita será o pavillón municipal Pablo Herbello, un espazo que ofrece un aforo para case mil persoas e cuadriplica os 250 asentos dispoñibles do Centro Social de Mar, a ubicación do festival nos últimos anos.

Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.
Algunhas das actuacións das anteriores edicións do Festival de Comparsas de Bueu.

"Somos conscientes de que con esta ampliación facemos unha gran aposta que non temos moi claro como vai saír, porque nunca se celebrou un Festival de Comparsas tan grande", explica Miranda. A pesar das dúbidas, este asegura manterse "moi positivo para encher todas ou a gran parte das localidades", pero insiste en que é un formato que, de cara ao futuro, "non temos intención de perpetuar".

Ademais das cadeiras para a acomodación do público, no pavillón, tal e como explican dende o Bueu Atlético Balonmán, tamén se habilitará un escenario adicado ás actuacións das comparsas. Este "contará con todas as medidas de seguridade", asegura o coordinador do evento.

PREPARATIVOS

Ademais do aumento do aforo, Pablo Miranda tamén adiantou que o festival deste ano contará coas actuacións de ata cinco comparsas locais -Tinta Femia, Os Mulos, Vou Nun Bou, As Faltriqueiras e Os do Pinsel- ás que se prevé que se una algunha agrupación doutro municipio da comarca morracense.

O presentador, como é habitual, será o actor e humorista David Amor pola súa relación co clube deportivo, mentres que o deseño do cartel promocional do festival pertence ao ilustrador e debuxante Luis Davila, con raíces na localidade bueuesa. Segundo explicou Miranda, "para nós é moi importante que os colaboradores teñan relación co clube ou mesmo con Bueu, porque é indicativo de que o evento non perde a súa esencia".

Esta cuadraxésima edición, a maiores, tamén volverá contar cun segundo pase que terá lugar o día 3 de marzo. Será na Casa do Pobo de Beluso e nela volverán cantar as súas coplas as cinco comparsas bueuesas que estarán no pavillón municipal, así como a agrupación Vaille Dando, de Moaña, e Marcha Loca, procedente de Cangas.

A preparación deste evento, segundo explicou o coordinador, "conleva moita ilusión, porque para nós significa moito independentemente da recadación, pero tamén moito traballo e un custe importante". Para conseguir que cada ano a cita sexa un éxito, Miranda asegura que a entidade deportiva adoita contar coa colaboración do Concello de Bueu, así como co apoio de diferentes negocios da localidade. "Este compromiso supón unha axuda fundamental", engade.

A falta de vinte días para a celebración desta esperada edición, Pablo asegura que "hai moitas ganas, xúntanse as de retomar o evento coa conmemoración do 40 aniversario". O festival deste ano, ademais das críticas e sátiras, tamén deixará para a posteridade unha homenaxe ao evento, segundo establece Miranda, "ben merecida".

Entradas: A venda iniciarase o próximo martes

Como cada ano, para acceder ao Festival de Comparsas será necesario adquirir unha entrada. A venda anticipada das mesmas dará comezo o próximo martes día 7 de febreiro, e poderán adquirirse en librarías e papelerías da localidade bueuesa e da parroquia de Beluso. Así, os puntos de venda serán os establecementos Miranda, Molino de Papel, Marpau, Abrente e Anguián.

O prezo das entradas é establecido cada ano polo Bueu Atlético Balonmán co obxectivo de recaudar fondos para financiar as actividades das escolas deportivas do clube. O de este ano, segundo se anunciou, estará fixado en oito euros no caso da venda por adiantado, mentres que a adquisición en taquilla o propio día do festival terá un custe de dez euros.

Socios do clube

As persoas socias do Bueu Atlético Balonmán recibirán, presentando o seu carné de socio no momento do acceso ao Festival de Comparsas, unha ou dúas rifas para participar no sorteo que se realizará durante a gala. As persoas que non sexan socias, pola súa parte, terán a oportunidade de adquirir as rifas no momento de acceder ao recinto do evento.

Comentarios