O colectivo veciñal do Monte Pituco denuncia verquidos incontrolados

Esixe á Comunidade de Montes de San Xulián, ao Concello de Marín e ao Seprona que se coordinen e tomen medidas para reverter unha situación que deteriora a imaxe do lugar

Os restos de parachoques apareceron preto de Fonte das Pulgas. CEDIDA
photo_camera Os restos de parachoques apareceron preto de Fonte das Pulgas. CEDIDA

A Asociación Monte Pituco vén de denunciar perante o Concello de Marín e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) a presenza de ata media ducia de verquidos ilegais e incontrolados que se foron depositando en distintos puntos ao longo da pista forestal do Pituco –ou Pornedo, polo seu topónimo tradicional– e dos seus arredores nos últimos meses.

Segundo explica o colectivo, un dos máis recentes consta de arredor de medio cento de parachoques de automóbil e dunha ducia de rodas vellas, espallados polo lugar de Fonte das Pulgas. A través dun comunicado, a entidade veciñal condenou enerxicamente "estas reiteradas agresións e rexeita a pasividade das entidades responsables do mantemento, conservación e defensa do monte, que non é ningún vertedoiro, nin escombreira, nin desguace".

"O grave depósito de material automobilístico xa fora detectado o pasado mes de xullo a raíz duns labores de desbroce que deixaron as pezas á vista, a poucos metros da pista", informa a asociación, que denuncia a "falta de iniciativa" por parte dos titulares dos terreos, responsables de eliminar os residuos que alí están acumulados, "que deberían ser entregados nun punto limpo ou nunha planta de tratamento específica para compoñentes plásticos e metálicos". O colectivo Monte Pituco esixe, pois, a inmediata retirada destas pezas, antes de que a vexetación acabe por facelas "invisibles".

MÁIS RESIDUOS. Ademais de tratarse dun atentado contra o medio ambiente, estes verquidos trasladan á sociedade unha "pésima imaxe" deste enclave, que recordan que pertence ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo. Consideran que a comunidade de montes de San Xulián ten "abandonada" a zona, xa que tamén se tivo constancia, en agosto de 2017, doutra acumulación de residuos, entre os que había madeiras, ferros e cravos oxidados, cartóns, cables, plásticos, roupa e cristais, "aos que se sumou tamén un sofá destartalado, que doce meses despois segue no mesmo lugar".

O colectivo subliña que non atallar este problema con rapidez provoca un efecto chamada do incivismo, xerando consecuentemente novas agresións a este monte comunal, tamén coñecido popularmente como o balcón da ría polas espectaculares vistas que ofrece.

Máis alá das pezas de carrocería polas que a asociación interpuxo unha denuncia no Concello e no Seprona, foron máis os verquidos detectados recentemente. A pasada semana apareceron máis dunha ducia de bolsas de plástico cheas de restos de obra, envases para materias de construcción e outros residuos. "Atópase no mesmo punto onde, en decembro do pasado ano, foron depositadas varias portas de madeira con cristaleiras incluídas. O crecemento da vexetación enriba destes enseres mantenas ocultas á vista dos viandantes, por iso cómpre advertir da súa existencia para reclamar que tamén sexan retiradas, previa limpeza da zona".

Entre as eivas expostas nos escritos presentados perante as autoridades, a asociación fai constar a ausencia de sinalización informativa e disuasoria "que si hai instalada noutras zonas do monte veciñal" e a necesidade de dotar á zona de vixilancia "para evitar que siga proliferando o abandono de residuos".

Dende a Asociación Monte Pituco tamén instan ao Seprona e aos responsables municipais a recabar todos os datos posibles sobre a orixe e a procedencia dos verquidos denunciados, a fin de atribuír responsabilidades e impoñer as sancións oportunas polas agresións cometidas contra o medio natural.

"Facemos un chamamento ao Concello de Marín, ao Seprona e á Comunidade de Montes de San Xián para que se coordinen urxentemente na adopción das medidas encamiñadas a reverter esta situación, da que son damnificados os propios comuneiros diante do preocupante deterioro dun espazo que se está recuperando para o aproveitamento agrogandeiro e que recibe continuas visitas", esixe o colectivo, que espera recibir resposta das institucións.

Comentarios