A Sala de Interpretación do Bueu Romano, cada vez máis preto de ser unha realidade. Onte deron comezo as obras para acondicionar o futuro local destinado a este proxecto, posto en marcha a través dun convenio entre o Concello do municipio e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A actuación, que está sendo acometida por Construcciones y Diseño Luicoin SLU, conta cun orzamento total de 187.330,99 euros.
A razón desta iniciativa remóntase a dúas décadas atrás cando, no ano 2000, foron atopados no lugar de Pescadoira dous xacementos arqueolóxicos da época romana. Foron detectados concretamente no solar número sete da rúa Montero Ríos, local de propiedade municipal e lugar que agora será habilitado como espazo adicado a poñer en valor estes elementos patrimoniais.
Coa realización destes traballos, que contarán cun prazo de execución de seis meses -polo que rematarían a finais de verano-, a empresa adxudicataria deberá acometer un cerramento exterior, pavimentar, establecer divisións interiores, executar os revestimentos interiores e colocar falsos teitos.
No marco dos traballos tamén se deberán colocar as instalacións de fontanería e habilitar o sistema da evacuación de augas, a ventilación, a protección contra incendios, a electricidade e o sistema de alumeado, ademais do equipamento de mobiliario. No exterior, os operarios deberán colocar carpintería, xanelas e unha nova porta de acceso.
Con esta intervención en Pescadoira o Goberno local busca recuperar e poñer en valor este patrimonio, co que se completará a oferta museística da vila, xa que a apertura deste espazo permitirá percorrer cronoloxicamente a historia da pesca no municipio. Cunha visita á Sala de Interpretación do Bueu Romano, a localidade transformarase nun gran museo do mar que levará aos visitantes ata lugares tan característicos como a Salgadura de Mourisca, o Estaleiro de Purro, única carpintaría de ribeira que se conserva en toda a ría de Pontevedra, ou o Museo Massó.
A actuación que deu comezo o venres estase realizando na contorna de protección do Xacemento romano de Pesqueira e no Xacemento romano de San Martiño, bens incluídos no Catálogo do PXOM do Concello de Bueu e protexidos por Patrimonio de Galicia.