O Concello de Bueu homenaxeará a cociñeira Toñi Vicente polo 8-M

A restauradora tomiñesa tamén presentará na vila o seu receitario A miña cociña. O acto de recoñecemento estará enmarcado nas II Xornadas gastronómicas en feminino.
La restauradora Toñi Vicente. ARCHIVO
photo_camera La restauradora Toñi Vicente. ARCHIVO

O Concello de Bueu homenaxará a cociñeira Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría, con motivo do Día Internacional das Mulleres nun acto que se celebrará o 8 de marzo ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa Concello.

Este recoñecemento está enmarcado nas II Xornadas gastronómicas en feminino Bueu, que organizan o propio Concello e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), do 7 ao 10 de marzo.

Toñi Vicente (Tomiño, 1953) é unha das cociñeiras galegas máis destacadas. As súas lembranzas lévana aos 7 anos, cando xa andaba nos fogóns coa súa nai Antonia, no restaurante familiar Casa Delmiro, situado no lugar tomiñés de Ponte do Muíño. Na súa traxectoria, iniciada no 1960, destacan varios recoñecementos e galardóns: Premio Galicia en feminino 2004 da Xunta de Galicia no apartado de creatividade, Medalla de Plata de Galicia concedida polo Consello da Xunta de Galicia no 1997, Premio Nacional de Gastronomía á mellor xefa de cociña dese mesmo ano da Academia Nacional de Gastronomía, e conta con dúas Estrelas Michelín. Ademais, a súa cociña foi loada por personalidades como Camilo José Cela ou Margaret Tatcher.

Con respecto ás xornadas, un total de quince locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Toñi Vicente. A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.

Os locais hostaleiros que participarán este ano son Pyramis, Volver, Casa Quintela, O Ratiño, Noite Tapas, Morriña, O Farol, Esmorga, Centoleira, Casa Videira, Buena Vibra, Baiuca, Aturuxo, Zarzamora e A Cepa, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3,50 euros. Ao longo dos próximos días, o Concello de Bueu irá desvelando nas redes sociais Instagram e Facebook os nomes das tapas, así como as descricións dos seus ingredientes. 

Ademais da homenaxe a Toñi Vicente, o propio 8 de marzo pola tarde, ás 19.00 horas, está programada a presentación do libro A miña cociña, que organizará a Libraría Miranda no 2º andar da Praza de Abastos.

Comentarios