Bueu pon o broche final ao verán e ás Freguifestas con Santa Ifixenia

A Banda do Río acollerá esta fin de semana unha ampla programación que incluirá varias actuacións musicais así como a degustación de sidra tradicional
undefined
photo_camera Un momento da presentación no Estaleiro de Purro. A. P

As Freguifestas chegarán esta fin semana á súa fin coa celebración das festas da Banda do Río, en honra a Santa Ifixenia. O Estaleiro de Purro acolleu onte o acto de presentación, no que estiveron presentes Julio Villanueva, alcalde en funcións; Xosé Leal, concelleiro de Cultura; Celso Dopazo e Enrique Gil, representantes da Comisión de Festas da Banda do Río, e Salvador Santos, fotógrafo afeccionado e un dos autores da mostra 'Esenciais', que formará parte do programa festivo.

Xosé Leal, edil de Cultura, sinalou que se trata dun evento no que haberá música, obradoiros para a cativada, exposición de fotos e degustación de sidra e co que "poñeremos o broche final ás festas de verán e tamén ás Freguifestas". Pola súa banda, Celso Dopazo, da Comisión de Festas da Banda do Río, destacou que "este ano contamos coa colaboración do Concello para levar a cabo unha festa en formato máis reducido, aínda que xa estamos traballando na programación da próxima".

A pesar diso, o programa contará con dous pratos fortes a nivel musical, como será a actuación das orquestras América e La OcaBand, sábado e domingo respectivamente. Para ambas actuacións, que terán lugar na pista da Banda do Río, será necesario retirar os convites (ata un máximo de dous por persoa) na Oficina de Turismo de forma presencial a partir de hoxe ás 10.00 horas da mañá, ou na web dende o xoves.

O domingo pola mañá tamén terá lugar a tradicional degustación de sidra, como xa é habitual nos festexos de Santa Ifixenia, e para a que se contará cunha ruada a cargo da Banda de Música Artística de Bueu, que tamén actuará esa mesma tarde no Estaleiro. Segundo avanzan dende a Comisión, "repartiranse 600 litros de sidra gratuitamente", co obxectivo de seguir dando a coñecer este produto de elaboración tradicional nun evento que se celebra dende hai máis de 75 anos.

Exposición: Os 'Esenciais' da pandemia no Estaleiro de Purro
A partir deste venres poderase visitar a exposición ‘Esenciais’ no Estaleiro de Purro, que recolle 18 fotos da autoría de Salvador Santos e José Luis Alonso, nas que se reflicten persoas que durante a pandemia estiveron realizando traballos esenciais.

A mostra, que se inaugurará o venres ás 20.00 horas, estará dispoñible ata o 3 de outubro en horario de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Máis actividades A pista Banda do Río acollerá o venres ás 21.30 horas o concerto rock Monolious DOP, actuación que tivo que ser adiada do Espazo Convida 2021. O sábado ás 12.00 e as 19.00 horas haberá actividades para os nenos, cun espectáculo e un obradoiro.

Comentarios