O Concello de Bueu pon en valor a creación de emprego industrial

O alcalde da vila, Félix Juncal, visitou este venres as instalacións de Conservas Lago Paganini
Membros do Goberno local durante a visista á compañía. DP
photo_camera Membros do Goberno local durante a visista á compañía. DP

Máis de dous anos despois do seu traslado ao Polígono Industrial de Castiñeiras, a empresa Conservas Lago Paganini abriu este venres as súas portas para recibir ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, que acudiu acompañado dos concelleiros Xosé Leal, Agustín Gallego e Silvia Carballo. Contando coas explicacións do xerente da entidade, Manuel Lago Yebra, e do responsable do departamento financeiro, Pablo Vidal, os membros do Goberno local puideron coñecer de primeira man a realidade dunha fábrica conserveira, que representa, segundo destacou o rexedor, "a esencia e a personalidade da vila bueuesa".

Especializada na elaboración e distribución de mexillón e peixe azul, esta centenaria compañía, instalada nunha nave que ten unha superficie útil de 4.000 metros cadrados, conta actualmente cunha plantilla de ata 140 traballadores,  postos ocupados maiormente por mulleres. Estas cifras supuxeron un aumento dun 30% do traballo xerado na súa anterior localización no municipio de Cangas.

Este incremento foi alabado por Juncal, quen quixo manifestar a importancia de crear emprego industrial na comarca, xa que "aporta moito á cidadanía e á economía global". Neste sentido, o alcalde bueués insistiu na "boa nova" que supuxo para a localidade a chegada de Lago Paganini, que conta cunhas "instalacións fantásticas, preparadas para medrar de cara ao futuro".

Tal e como explicaron Lago e Vidal, o traslado ao polígono bueués foi "difícil, pero xa levamos máis  dun mes traballando adecuadamente e recuperando". A posta a punto da maquinaria, ampliada tras o cambio de instalacións, xa comeza a dar froitos. Nesta liña, o xerente da empresa agradeceu "as facilidades do Concello na tramitación do traslado". 

Dentro do seu obxectivo por ser unha empresa innovadora, Lago Paganini tamén apostou pola enerxía renovable e dotouse da maior central fotovoltaica do Morrazo, ademais de sustituir a caldeira de gasóleo por unha de gas natural. Así mesmo, a entidade está inmersa no proceso de cambio do material dos seus envases polo aluminio, menos contaminante.

Comentarios