O Concello de Bueu presentará alegacións ao PRUX do Parque das Illas Atlánticas

Barcos a Illa de Ons. DP
photo_camera Barcos a Illa de Ons. DP

O Concello da vila buenense presentará alegacións ao borrador do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítim das Illas Atlánticas de Galicia, con respecto á Illa de Ons. A Concellaría de Medio Ambiente xa se está elaborando un borrador que consta de catro puntos principais: a necesidade dunha cota de visitantes ás illas do Parque adaptada á singularidade de Ons, o impulso da participación cidadá e a cooperación entre administracións; o desenvolvemento do ámbito cultural, así como actuacións e infraestruturas varias.

Co fin de consensuar o documento definitivo, que se deberá enviar antes do 7 de maio, o Goberno local decidiu convocar unha reunión o vindeiro día 3 do próximo mes, ás 18.30 horas, con toda a veciñanza do arquipélago no auditorio do IES Johán Carballeira. As alegacións que se remitirán dende o Concello van incidir de xeito importante na cuestión da cota de visitantes, tendo en conta que na Illa de Ons existen vivendas que pertencen a concesionarios, "aos que claramente tería que deixarse fóra desta cota".

Así mesmo, dentro dos turistas que accedan dende as navieiras, proponse reservar arredor de entre 100 e 150 autorizacións para persoas que estean vinculadas de forma indirecta aos ámbitos familiares dos titulares das vivendas. En canto á participación cidadá, apúntase a creación dunha mesa intersectorial ou sectorial específica para a Illa de Ons, na que se integrasen a Xunta de Galicia, o Concello de Bueu, a veciñanza e o Padroado do Parque Nacional.

Por outra banda, o Goberno local entende que se debería deseñar un plan de actuación para a conservación do patrimonio inmaterial e sociolingüístico, así como poñer en valor os faros do Parque. Referente a actuacións e infraestruturas, sería necesario dar solución á falta de servizo de auga, así como á carestía do subministro eléctrico, ambas demandas históricas da poboación local. "Tamén é necesaria a creación dun servizo con persoal técnico para impulsar emprego verde, así como a mellora substancial da depuradora de Ons, sita no barrio do Curro, e a prevención de incendios forestais", engade fontes municipais.

Comentarios