O Concello de Marín executará unha reforma da Casa Consistorial

Abrirase un proceso de participación a partir do cal a cidadanía poderá enviar suxestións para as melloras deste edificio, así como dos pavillóns deportivos do Sequelo e A Cañota
A casa consistorial de Marín na actualidade. DP
photo_camera A Casa do Concello na actualidade. DP

O Goberno local de Marín vén de anunciar a apertura dun proceso de participación cidadá a partir do cal a veciñanza poderá aportar suxestións de cara ás actuacións que se van acometer tanto no Concello como nos pavillóns deportivos do Sequelo e A Cañota. Pola súa parte, a reforma da Casa Consistorial, que xa conta cun proxecto en fase de redacción, será realizada tendo en conta tres obxectivos: mellorar a accesibilidade, acadar unha maior eficiencia enerxética e renovar as instalacións eléctricas e de dixitalización.

A actual Casa do Concello, que data de tempos da II República, trátase dun proxecto do arquitecto Juan Argenti Navajas. Os traballos de construcción, asignados aos contratistas Antonio Moreira Pérez e José Mª Torres Ruibal, foron acometidos entre os anos 1927 e 1930, sendo inaugurado no 1931 pola nova corporación municipal republicana. O edificio, cuxo emprazamento escollido foi o resultado dos recheos que se estaban a levar a cabo no lugar coñecido como Areíña, tamén acollía os xulgados municipais, aos que se accedía pola parte traseira da instalación.

Segundo explicou a alcaldesa da localidade, María Ramallo, "decidimos iniciar este proceso participativo para que a cidadanía no seu conxunto e as organizacións e asociacións que así o consideren poidan expresar as súas opinións e realizar as súas propostas para que poidan ser estudadas". Con esta iniciativa, o Goberno local pretende fomentar a transparencia e a participación cidadá, así como a gobernanza e a apertura á veciñanza, aspectos que considera "moi relevantes" para poder achegar os proxectos e o progreso do municipio aos marinenses.

Así, o proceso para enviar algunha suxestión consiste en entrar no portal de Transparencia na sede electrónica, á que se pode acceder dende a páxina web do Concello. Unha vez nela, seleccionando o apartado de Procesos participativos e despois o epígrafe 91 de Proxectos e obras, bastará con pinchar no botón Avisos, queixas e suxestións para aportar unha opinión sobre o tema.

Máis reformas. Accións de mellora nos pavillóns de Marín

Os pavillóns deportivos do Sequelo e a Cañota tamén serán obxecto de reformas. Así, no espazo dixital establecido polo Concello tamén están colgados os proxectos para a mellora destas infraestruturas.

O principal obxectivo destas actuacións pasa por aumentar a eficiencia enerxética de ditos espazos deportivos, buscando pasar do 30% actual a un aforro do 70%. Para isto, instalarase agua quente sanitaria (ACS) que, contando cunha instalación fotovoltaica, se recargue en horas de luz para o seu uso posterior.

A maiores, realizaranse melloras nas cubertas e nos illamentos das instalacións, accións coas que se pretende, por unha banda, aportar harmonía visual e , por outra, evitar problemas de filtracións. Tamén se renovarán elementos interiores como pavimentos, rampas e portas.

Comentarios