O Concello de Marín inicia a restauración da fonte e o lavadoiro de Mogor

A actuación, que intervirá nunha superficie de 500 metros cadrados, suporá unha inversión de máis de 105.000 euros
Reproducción do resultado do proxecto de restauración da fonte e o lavadoiro de Mogor. DP
photo_camera Reproducción do resultado do proxecto de restauración da fonte e o lavadoiro de Mogor. DP

A fonte e o lavadoiro ubicados na parroquia marinense de Mogor comezaron este xoves a súa restauración, obras que serán executadas pola empresa Construcciones Lemos Martínez. O proxecto será unha aposta pola protección e posta en valor destes elementos etnográficos, que forman parte do patrimonio histórico da localidade e son moi utilizados pola veciñanza.

O obxectivo dos traballos será desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o pilón, para poder cimentar ambas partes de xeito unitario. As pezas volverán ser colocadas tras acometer unha renovación do revestimento, a cal se realizará, segundo se explica na memoria do proxecto, "facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética".

O proxecto tamén levará a cabo unha serie de melloras no espazo, coa instalación dunha iluminación adaptada, coa intención de poñer en valor ditos elementos patrimoniais, destacándoos e dándolles visibilidade.

No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño adicado aos peóns, que funcionará como vía de acceso ao lavadoiro e á fonte. Estas accións de humanización do espazo completaranse coa colocación de diferentes elementos de mobiliario urbano cunha estética acorde á do lugar.

Este conxunto de actuacións intervirá nunha superficie de máis de 500 metros cadrados, supoñendo unha inversión que ascende aos 105.340,17 euros realizada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Esta trátase dunha iniciativa municipal que se puxo en marcha no 2020 coa catalogación e creación dunha web para os lavadoiros –no que se recolle tamén o de Mogor–, que o ano pasado ampliouse ás fontes cunha subvención tamén da Deputación provincial.

Comentarios