O Concello visita o barrio de Cantodarea e estuda posibles proxectos de mellora

Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín se reuniron coa Asociación Veciñal A Fonte para establecer colaboración na posta en valor da zona
Os concelleiros coas veciñas da Asociación A Fonte. DP
photo_camera Os concelleiros coas veciñas da Asociación A Fonte. DP

 Os concelleiros de Urbanismo, Manuel Santos, e de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, acudiron este xoves ao barrio de Cantodarea acompañados polas veciñas da Asociación A Fonte. Esta visita tiña como obxectivo compartir impresións e reflexionar sobre posibles actuacións de mellora na zona.

Os edís revisaron cuestións como a da eficiencia enerxética, así como un posible proxecto de pavimentación e renovación dos servizos da Rúa Cruceiros. Outro punto tratado no encontro foron as propiedades privadas que se atopan en estado ruinoso, un asunto complexo dende o punto de vista administrativo no cal o Concello ten os seus esforzos postos.

A entidade municipal tamén colaborará coa asociación veciñal para levar a cabo unha iniciativa considerada beneficiosa a nivel urbanístico, social, histórico e cultural. O proxecto consiste en recuperar fotos antigas do barrio e colocalas en formato de paneis nas propias localizacións, coa intención de loitar co feismo de propiedades en estado semi ruinosos.

Esta reunión coa Asociación A Fonte compleméntase co encontro do Goberno local no inicio do verán coa Asociación de Veciños San Xosé de Cantodarea, a cal tamén trasladou as súas demandas para poñer en valor o barrio.

AS PEDEIRAS. Por outra parte, o Concello de Marín atópase tramitando a adxudicación da reforma integral da zona de As Pedreiras. O proxecto consistirá na rehumanización de diversas rúas, incluíndo unha renovación de todos os servizos nas rúas de Pedreiras de Arriba, Pedreiras de Abaixo, Pedreiras do Medio e Camiños da Fonte de Pedreiras.

Esta acción, que abranguerá un terreo de en torno aos 3.000 metros cadrados, será levada a cabo en catro fases diferenciadas, alcanzando unha inversión cercana aos 850.000 euros.

Comentarios