Sábado. 18.08.2018 |
El tiempo
Sábado. 18.08.2018
El tiempo

Un concheiro, olas e ánforas, novos achádegos no Castro da Subidá

Restos dunha ola. M.A.
Restos dunha ola. M.A.

Rematou a intervención arqueolóxica que durante as últimas semanas consolidou unha cabana e sacou á luz unha fosa castrexa.

O Castro da Subidá volve dar novas alegrías a Marín. A intervención arqueolóxica que se levou a cabo nas últimas semanas e que tiña como obxectivo consolidar a cabana que se comezara a escavar o ano pasado, rematou este venres e deixou un regueiro de achádegos. O máis importante é unha fosa castrexa situada na parte baixa da cabana e ao lado dunha canteira tradicional (moi posterior) que, probablemente, foi empregada como canteira tamén na época castrexa e cuxo fin sería extraer o xabre que empregaban como morteiro. Unha vez rematada esta función, resultaba común que os castrexos depositaran nela o lixo, polo que é habitual atopar restos de alimentos e de utensilios, e iso foi o que apareceu tamén na Subidá.

O arqueólogo responsable da actuación, Xoán Castro, amosaba este venres o espectacular concheiro de que saíu á luz no castro marinense. Cunchas de ameixas, lapas, navallas ou berberechos nun perfecto estado de conservación misturábanse con restos óseos de animais que, segundo asegura Castro, "é moi probable que sexan de bóvidos e ovicápridos, propios dunha gandería".

Un feito importante para o experto é que estes achádegos "deixan de ser vestixios arqueolóxicos e convértense en restos da xente que viviu aquí, que empeza a ser máis próxima a nós porque os seus restos de comida son os mesmos que podemos ter hoxe en día".

OLAS E ÁNFORA. Os traballos que se levaron a cabo durante as últimas semanas ampliaron cara o sur o xacemento arqueolóxico e tamén sacaron á luz restos de olas, algunhas delas decoradas e outras que foron empregadas para cociñar, e unha ánfora que nesa época era usada para o transporte de alimentos por vía marítima.

Durante os traballos apareceu un murete de contención e dúas pedras chantadas que poderían ter funcións para os habitantes da cabana. A vivenda destaca polo bo estado de conservación tanto do pavimento orixinal como das paredes circulares.

O Castro da Subidá ten unha extensión duns 3.000 metros cadrados, aínda que está escavado menos do un por cento do terreo. Dende o Concello de Marín confirmaron a súa intención de seguir traballando na Subidá e ampliar a superficie escavada para que o Castro poida ter un fin didáctico e que, xunto aos petróglifos de Mogor, fagan de Marín un concello referente en Arqueoloxía.

Un concheiro, olas e ánforas, novos achádegos no Castro da Subidá