O concurso de ideas para revitalizar a Banda do Río xa é unha realidade

O certame fíxose posible grazas a un convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

O alcalde e algúns edís do goberno no acto simbólico de aprobación do certame o pasado venres. DP
photo_camera O alcalde e algúns edís do goberno no acto simbólico de aprobación do certame o pasado venres. DP

Despois de varios anos de agarda e de superar diversos atrancos administrativos, o Concello de Bueu lanza o concurso de ideas da Banda do Río, co que se revitalizarán e mellorarán as condicións de vida neste barrio mariñeiro. Tras a aprobación das bases do certame por resolución da alcaldía o pasado venres, este martes publicouse o anuncio na Plataforma de Licitación do Sector Público, e as empresas disporán de prazo ata o 20 de maio para enviar as súas propostas.

O concurso de ideas supón un paso importante para o Concello, e recolle as múltiples sensibilidades do barrio, tal e como foran acordadas hai anos nas diversas mesas de seguemento coas partes implicadas, é dicir, a Plataforma Veciñal da Banda do Río e a Asociación Veciñal da Banda do Río. De feito, con estes colectivos manterase un novo encontro o mércores 28 de febreiro ás 19 horas, no salón de plenos. Así, o certame, cuxas bases se poderán consultar na Plataforma de Licitación, con acceso dende a web municipal, permitirá contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e de mobilidade.

Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia etc.

O concurso é posible grazas a un convenio asinado co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e nel van poder participar equipos compostos por profesionais con competencias na materia de ordenación urbanística e medioambiental. O xurado estará composto por persoas vinculadas ao sector da arquitectura e da enxeñería, polo que se valorarán as propostas dende o punto de vista técnico. E o ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johan Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avda Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.

O Concello investirá 38.000 euros en premios, sendo a proposta gañadora a que se encargaría da redacción do proxecto e que se faría con 20.000. O segundo premio estará dotado con 10.000; e o terceiro, con 5.000 euros. Ademais contémplanse dous accésits de 2.000 e de 1.000 euros. Unha vez elixida a proposta gañadora, adxudicarase o Plan Director de intervención urbana, por un importe de 42.068,88 euros.

Comentarios