Constrúen un vestiario de homes na nave de Pescadoira

Nos últimos anos fixéronse varias melloras na instalación deportiva de Bueu

Operarios traballando na construción do novo módulo. CEDIDA - Nave de Pescadoira, en Bueu
photo_camera Operarios traballando na construción do novo módulo. CEDIDA

O Concello de Bueu continúa coas obras de mellora das instalacións deportivas municipais, e estes días avanza a bo ritmo a construción dun módulo de vestiarios para homes na nave de deportes náuticos de Pescadoira, que completará o xa existente de mulleres e que incorporará duchas e aseos.

A actuación, realizada con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, estase levando a cabo por parte da empresa Constructora Ediserpo SL cun orzamento de adxudicación de 46.270,17 euros.

Tal e como consta no proxecto da obra, a nave divídese en dúas áreas: a parte situada ao Este está adicada á restauración e construción de embarcacións tradicionais, mentres que a Oeste utilízase para o deporte de remo. Nos vestiarios desta última zona construíuse un módulo de baños para mulleres hai un ano. Así mesmo, neste espazo leváronse a cabo diversas melloras nos últimos tempos, como a substitución da cuberta e a dotación de iluminación interior, a rehabilitación dos muros perimetrais exteriores, a instalación de carpintarías nos ocos tapiados co fin de dotar á nave de ventilación natural e a mellora das fachadas, entre outras cousas.

Por outra banda, esta semana remataron tamén as obras de formigonado do Camiño da Cereixeira, no lugar de A Graña. A actuación conta cun orzamento de 17.091,93 euros e está sendo acometida por parte da empresa Vale, tamén con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016.

Comentarios