Crean un 'diario de olor' para evaluar a problemática dos cheiros en Cantodarea

Os veciños afectados poderán anotar distintas cuestións relacionadas co mal olor que detectan para poder recompilar toda a información precisa coa que ir afinar a diana dos factores que provocan esta situación. Reforzarase o propio sistema de desodorización do colector da Avenida de Ourense.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, reúnese cos veciños de Cantodarea
photo_camera A alcaldesa de Marín, María Ramallo, reúnese cos veciños de Cantodarea. DP

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, reuníuse este martes pola tarde no Concello coa veciñanza de Cantodarea afectada pola problemática de cheiros que se vén detectando nos últimos tempos nesta zona.

Na reunión, un representante da empresa Ambiente et odora encargouse de explicar aos veciños e veciñas como funcionan as problemáticas deste tipo en xeral e expuxo cales serán as medidas a tomar de aquí en adiante: crearase un diario de olor, para despois analizar os datos e finalmente propoñer medidas de acción concretas. Os diarios consistirán nunha folla na que a veciñanza afectada poida anotar datos relevantes como a data, a hora, o tipo de olor, a intensidade e outras observacións de cada vez que detecten un cheiro na súa casa. 

O equipo de Goberno e a veciñanza lembrou que xa no 2014 houbo un episodio similar, no que se detectaron problemas de olores na zona.

A alcaldesa explicou que "nas últimas semanas puxéronse en marcha medidas paliativas de urxencia, como a instalación de desodorizantes en toda a rede de saneamento da zona". Ademais, este mércores reforzarase o propio sistema de desodorización do colector da Avenida de Ourense.

“Isto é todo o que podemos facer ata o momento”, explica a rexedora, “porque despois teremos datos para analizar cales son os factores, que moito nos temos que serán varios, que desencadean esta situación”.

Comentarios