A cultura galega será a protagonista do mes nas parroquias de Bueu

O Día das Letras Galegas será conmemorado coa celebración de numerosos eventos organizados polo Concello e algunhas asociacións culturais e veciñais
Representantes dos colectivos na presentación do programa. DP
photo_camera Representantes dos colectivos na presentación do programa. DP

Bueu completará o mes de maio cunha gran variedade de eventos con motivo do Día das Letras Galegas, celebrado o próximo día 17. Organizados polo Concello do municipio en colaboración con diversos colectivos culturais e veciñais, ditos actos enmárcanse na iniciativa Letras Galegas e Colectivas, a cal busca revitalizar o uso da lingua en todos os ámbitos e reivindicar a labor do tecido asociativo. As actividades escollidas, que serán levadas a diferentes lugares da localidade como Beluso, Sanamedio, Cela ou Meiro, inclúen cinema, música, contacontos ou a celebración de recitais de poesía, entre outros.

No caso da parroquia de Beluso, as actividades serán organizadas pola Asociación Cultural Novos Ventos en colaboración co Concello de Bueu e a Deputación provincial, que porán en marcha eventos dirixidos a públicos adultos e infantís. A programación pasará pola realización dunha sesión de contacontos o sábado 14 de maio ás 17 horas, seguido pola presentación e sinatura do libro de Xosé Manuel Fernández Pezas guapas para gaita, zanfona e acordeón e un monólogo de parte de Antía Costas. Ao día seguinte, a partir das 17 horas, tamén terá lugar un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, así como un concerto de acordeireta.

Durante o día das Letras Galegas, Beluso contará coa organización da Asociación Cultural Sanamedio para a celebración da XXI Romaría das Letras. Levaranse a cabo actividades que darán comezo ás 12 da mañá e contarán coa participación do CEIP Plurilingüe Montemogos e do Bueu Atlético Balonmán, entre outros colectivos. Deste modo, a xornada ofrecerá diversas actividades reivindicativas e de lecer, entre as que se atopan exposicións, un recital de poesía con micro aberto, a proxección do documental Xela Arias. Poeta nas marxes, así como diferentes actuacións musicais e de baile tradicional, entre outras.

Pola súa parte, na parroquia de Cela a Asociación Cultural de Costumes de Cela porá en marcha un festival que comezará a partir das 17.30 horas. Este contará cunha representación teatral da man da compañía Tarabelos, seguida dunha entrega de premios de microrrelatos e debuxo e rematando cunha actuación musical do grupo tradicional Retrouso e un conxunto de animacións e xogos tradicionais adicados aos máis pequenos e organizados por Barafunda Teatro.

O domingo 22 de maio a aldea de Meiro tamén poderá ser partícipe deste conxunto de eventos, contando coa organización da Asociación Veciñal A Morada. Así, a partir das 19 horas terá lugar unha presentación do libro Peroxo. Un rapaz de aldea, escrito polo autor Luís Chapela e Fernando Miranda, seguida dun recital de poesía con micro aberto. A xornada rematará con actuacións musicais da man dos grupos locais Palleta Mollada e Os Mulos, así como a oferta dunha degustación de petiscos.

Ademais, a esta organización de eventos nas diferentes parroquias do municipio súmase que cada venres de maio a partir das 21.00 horas ofrécense proxeccións de cinema galego da man de Cineclub Bueu. Asimesmo, a esta programación tamén se engade a gala dos Premios Johan Carballeira, prevista para o 22 de maio, na cal o Concello fará entrega dos seus premios a Miguel Sande, gañador da categoría de Poesía, e a Antía Yáñez, a galardoada na categoría de Xornalismo.

Comentarios