A curta 'Endless Sea' proclámase gañadora do FICBueu e 'Invincible' conquista ao público

Á peza do estadounidense Sam Shainberg seguiulle co segundo premio Ma mére et moi e Will my parents come to see me obtivo a mención especial do xurado
Director de 'Endless Sea', Sam Shaindger. DP
photo_camera Director de 'Endless Sea', Sam Shaingber. DP

A décimo sexta edición do FICBueu xa ten gañadores. A curta estadounidense Endless Sea, dirixida por Sam Shainberg, foi elixida polo xurado do festival entre outras 28 pezas para facerse co primeiro premio. O galardoado foi anunciado este sábado pola concelleira de Cultura, Carmen García, durante a gala de entrega de premios, celebrada no Centro Social do Mar.

A elección do filme de Shainberg como merecedor do premio, dotado con 2.000 euros, debeuse á "súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro". Así o explicaron os membros do xurado -os produtores Silvia Lobo e  Manuel Monzón e o director artístico Mihai Chirilovo- á peza gañadora.

Ma mére et moi, da holandesa Emma Branderhorst, recibiu o segundo premio  por "captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir". Branderhorst non puido recoller en persoa o galardón, dotado con 1.000 euros, pero si o fixo a guionista do filme, Nena van Driel, da man da vicealcaldesa de Bueu, Isabel Quintás.

O xurado tamén adicou unha mención especial á peza Will my parents come to see me, do director somalí Mo Harawe, por ser "unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte".O palmarés oficial do festival completouse con Ulises, do rianxeiro Félix Brixel, que acadou o premio á mellor curtametraxe galega, e con Arquitectura emocional 1959, do director cántabro León Siminiani, que recibiu o premio á mellor curta española.

O Premio do Público, que cada ano outorgan os espectadores e espectadoras do FICBueu, recaeu na película canadense Invincible, de Vincent René-Lortie. O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, foi o encargado de anunciar a peza favorita do público.

A directora Anxos Fazáns, en nome do xurado Descubertas, foi a responsable de anunciar os premios na categoría GZ_00, que gañou a curta 30’ 70 60’ 120 da viguesa Marta Valverde, na categoría Descubertas, na que se elixiu á peza Buurman Abdi do holandés Douwe Dijkstra, e  na sección de Escolas Internacionais, sendo galardoado o filme italiano Raíces do Centro Sperimentale di Cinematografia.

Durante a gala tamén fíxose entrega do Premio Cinema Galego FICBueu, que este ano recaeu na actriz Luísa Merelas, e que ela mesma recolleu en persoa.

Comentarios