Unha curta sueca faise coa Áncora de Ouro do FIC Bueu

'Matria', de Álvaro Gago, recibiu o premio do público e o de curta galega

Entrega da Áncora de Ouro. FIC BUEU
photo_camera Entrega da Áncora de Ouro. FIC BUEU

Logo dunha semana de proxeccións e de multitude de actividades a décimo primeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC Bueu) entregou onte os galardóns dos traballos audiovisuais.

A Áncora de Ouro foi para a curta sueca 'Fight on a swedish beach!!!', de Simon Vahle, que narra a loita nunha praia por insultar unha muller. O premio do público foi para a curtametraxe española 'Matria', de Álvaro Gago, que relata os desafíos que se lle presentan a Ramona, unha muller que trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta.

Pola súa banda a Áncora de Prata recaeu sobre o filme francés 'Fool time Job', de Gilles Cuvelier, no que se fala do traballo pouco convencional que consegue un home en tempos de crise. O premio para a mellor curtametraxe galega foi para 'Matria' e o da española levouno 'El vestit'.

Pola súa banda, a mellor dirección foi para 'U plavetnilo'; a mellor actriz foi Gracija Filipovic, por 'U plavetnillo'; o mellor actor, Angélo Coutard por 'Ce qui nous tient'; o mellor guion recaeu en 'Negah'; a mellor fotografía foi para 'Dxgal' e a mellor dirección artística levouna 'Min börda'. O galardón de mellor vestiario foi para 'Skuggdjur'; o de mellor maquillaxe e perruquería recaeu en 'Wannabe'; o mellor son levouno 'Dxgal'; a mellor montaxe foi para 'Xiao Cheng Er Yue' e a mellor música entregouse a 'Min Börda'.

En canto aos galardóns para os mellores videoclips do concurso Sonrías, o Medallón de Ouro foi para 'La Pegatina feat Macaco', de Manu Viqueira; o de Prata levouno 'Ricky Hombre Libre', de Ricardo López Barreiro; e o de Bronce recaeu en 'Green Day', tamén de Manu Viqueira.

Tamén houbo recoñecementos para os traballos escolares. O premio de Educación especial, infantil e primaria foi para 'O segredo do bosque', do CPI Cabo da Area. Na categoría de secundaria gañou 'Ápices', do IES Politécnico de Vigo e por Facultades e escolas de imaxe, resultou premiado 'Estatus', Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Universidade de Vigo).

Comentarios