DanteGTX leva un ano máis o Carnaval de Verano á Banda do Río

A actividade, que terá lugar este sábado, dará comezo ás 22.00 horas co primeiro dos DJs. O propio organizador, coñecido pola súa traxectoria musical en YouTube, pechará o evento a partir das 1.30 horas da mañá
Presentación do Carnaval de Verano da Banda do Río, en Bueu. DP
photo_camera Presentación do Carnaval de Verano da Banda do Río, en Bueu. DP

O Carnaval de Verano volve este sábado á Banda do Río da man do dj bueués Cristian Domínguez, máis coñecido como DanteGTX. Esta iniciativa, que foi presentada este mércores xunto cos hostaleiros da zona, pretende "continuar cunha alternativa de lecer que xa conta con moita tradición na Banda e que, desde o ano pasado, ten unha maior profesionalización", explicou Domínguez. A actividade dará comezo ás 22.00 horas coa actuación do primeiro dos DJs, que se prolongará até medianoite. Ás 00.00 será a quenda de Álex, para dar paso preto das 1.30 da mañá ao último dos participantes, o propio organizador.

DanteGTX, que conta con 800.000 seguidores na súa canle de YouTube, expuxo que este evento, financiado pola Xunta de Galicia, contará tamén cun punto violeta durante todo a noite para ofrecer asesoramento ás persoas asistentes e acompañalas en caso de sufrir violencias machistas. Este espazo será ofrecido polo colectivo Mulleres en Igualdade do Morrazo, co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, representado na presentación da actividade por Ana Patiño e Inés Freire.

Domínguez destacou tamén "a necesidade de traballar por ofertas de ocio que dinamicen o verán bueués e a súa hostalería», subliñando a importancia de «contar coa máxima colaboración das participantes, para compatibilizar a celebración dos concertos co respecto á veciñanza". Precisamente, con este fin, o promotor mantivo xa un encontro co Concello de Bueu, que xestiona a limpeza da Banda do Río, a quen ofreceu "a máxima colaboración da organización para minimizar o impacto" e facendo un chamamento "a que as persoas participantes depositen todo o lixo en contedores, pois do civismo dos asistentes vai depender que se poidan celebrar este tipo de actividades".

Comentarios