miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Descobren unha segunda salga e restos de ocupación prerromana na Illa de Ons

Dous investigadores durante unha das sondaxes realizadas. DP
Dous investigadores durante unha das sondaxes realizadas. DP
Ata o momento tan só se coñecía a existencia dunha única factoría en Canexol , que non fora intervida arqueoloxicamente

O equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (UVigo) descubriu unha segunda fábrica de salga e restos de ocupación prerromana durante a intervención arqueolóxica que iniciou o pasado luns no xacemento romano da praia de Canexol, na Illa de Ons.

No marco desta intervención, dirixida polo arqueólogo Adolfo Fernández, limpouse o cantil da praia para rexistrar os restos arqueolóxicos, algúns dos cales "perdéronse froito da erosión mariña". De feito, Fernández destacou que se perdeu entre "un 60 e un 70%" do xacemento, que "era máis amplo do que pensabamos". 

Ademais, localizouse unha segunda fábrica de salga a "varios metros máis ao norte da primeira", situándose así unha no extremo sur do areal e outra no extremo norte. Nesta factoría documentouse un pequeno depósito feito con morteiro de cal e cuarzo, que "puido servir para fabricar tintura púrpura". 

A partir dos traballos realizados, constatouse que as dúas fábricas contaban con patios abertos para preparar o peixe e elaborar os produtos finais. Así mesmo, entre ambas existe "coma un pantalán de baixada cara o mar que data da época romana e que está moi afectada. Era onde subían e baixaban o peixe, como nunha fábrica do século XIX". 

Nunha das factorías, o grupo comprobou que o pío estaba practicamente completo a casi dous metros de profundidade. "Está moi ben conservado. É unha das boas novas, quitando, obviamente, o fronte mariño, que é onde está afectado pola erosión, pero interiormente, o que queda, está moi ben". 

Ambas factorías, según Fernández, contruíronse entre mediados e finais do século I despois de Cristo e abandonáronse no século III.

OCUPACIÓN. Noutra sondaxe realizada no marco destas actuacións tamén se localizou unha ocupación na costa, previa á construción das fábricas romanas. Trátase dunha construción de finais da Idade do Ferro, de entre os últimos ano do século I antes de Cristo e principios do século I despois de Cristo.

"É moi interesante atopar unha ocupación dunha época tan antiga xunto á praia. Non é o normal", explica Fernández sobre a ocupación, que se atopa a uns 300 metros do castro ou Castelo dos Mouros. "O patio da fábrica está por riba dos muros, así que queda claro que é unha ocupación anterior", indica o arqueólogo.

"A intervención centrouse en salvagardar a información, porque se está perdendo"


O arqueólogo e profesor da Universidade de Vigo Adolfo Fernández foi o encargado de dirixir a intervención arqueolóxica, enmarcada no proxecto de investigación Galtfish, cuxo obxectivo é estudar a explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

Como se descubriu o xacemento da praia de Canexol?

O xacemento coñecíase dende que pasou o do Prestige, cando se realizou a limpeza da praia. Foi cando quedou ao descuberto. Estaba moi afectado pola erosión mariña, Tiña unha degradación moi grande dende hai moito tempo. Había restos na praia pero pasaban moi desapercibidos. Habilitáronse zonas de paso para acceder a praia para limpar e unha delas foi entre os muros dun pío de salga. Aí foi cando se deron conta de que había estrutura. Catalogouse e documentouse o cantil, pero nunca se chegara a facer antes unha intervención arqueolóxica.

Que significa para vostedes ser os primeiros en intervir?IMG-20210410-WA0011

É un xacemento moi atractivo para nós, sobre todo polo feito de estar no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. A maioría destes xacementos atópanse en sitios de titularidade privada e en ambientes urbanos e é moi dificil poder escavalos dunha maneira científica ou facer un rexistro coma este dunha campaña dunha semana. Ons permítenos desenvolver un proxecto de investigación con moita calma porque está en terreo público. O Parque apoiounos moito no proxecto.

Podería chegar a musealizarse o xacemento?

É dificil porque está nunha situación da praia bastante complicada, pero si que existe esa intención por parte do Parque de musealizar parte do seu patrimonio arqueolóxico, para que os seus visitantes podan acceder a esa información in situ.

Estades preocupados polo futuro dos restos?

A intervención de Canexol debía centrarse no tema de salvagardar a información, porque se está perdendo. Ao mellor o ano que vén volvemos e non hai nada. Se non se fai un rexistro adecuado acaba por perderse esa información. Pásalle a moitos xacementos que se atopan nas costas, que nos últimos 20 anos teñen tido un proceso de erosión moi agresivo. Hai xacementos moi afectados.

Descobren unha segunda salga e restos de ocupación prerromana na...
Comentarios